Opinión

AMANCIO PRADA NOS 100 ANOS DE LA REGION

Aconmemoración do centenario de La Región ofreceunos a posibilidade de gozar e disfrutar no Auditorio dunha das voces máis preciosas do panorama musical. Un home de elegante posta en escea, de exquisita sensibilidade e que, coa delicadeza dos anxos, aborda cada tema como peza única e divina. A dozura da voz e o estilo propio co que toca e acaricia a palabra Amancio Prada é un espectáculo sen igual, no que se apodera de nós o límpido acento da súa voz e o eco harmonioso co que rebusca nas nosas almas.


É moito máis que un espectáculo literario e musical, é un pracer para os sentidos e para o sentimento, para os recordos e lembranzas e para o porvir esperanzado. É unha canción de cuna para a nosa cariña dormida de neno, e á vez unha alegoría amorosa para a entraña de nai. É un paseo con nós mesmos, collidos da nosa propia man. A atmósfera que crea a súa voz, coa súa arte e coa súa paixón adéntranos e cobíxanos nunha fraga verde e olorosa na que se presinte un río cercano, unhas augas transparentes que son fonte de vida, de recreo espiritual e de melancolía. En Amancio Prada confabulan as musas e adórnannos os cabelos con flores mentres el canta, e cando el se eleva e pecha os ollos ?romántico e místico- unha corte de duendes e trasnos pillabáns e xoguetóns coróannos a nós coas tiaras de rosas das fadas e das ninfas. Porque, cualidade dos grandes homes é, amigo lector -e vostede terao comprobado moitas veces-, que se adican ó seu con sagrado esmero, coa mesma sinxeleza coa que nace o sol cada día, coa mirada radiante e coa boca sorrinte, contaxiando entusiasmo. Os grandes homes sempre levan o gozo no seu corazón, pensando sempre cal é a máis fermosa maneira de entregárnolo a todos os demáis. ¿Será que eles xa viven no Paraíso?

Te puede interesar