Opinión

OUTRO ANO, OUTRA ILLA POR DESCUBRIR

Outro no máis sucamos con saudade este noso mar de reflexións? Respiramos tranquilos porque chegamos ó porto vivos e eso quere dicir que o fixemos ben. Se ademáis sorrimos entusiasmados é que nos gusta soñar co sublime. Outro ano máis revisamos as redes coas que pescamos -cosidas e reparadas-, preparadas de novo para volvelas botar ó océano, á auga libre dos acontecementos. Ó mirar atrás vemos os esforzos que nos fixeron coñecer mareas, algunhas indo a noite pecha, outras bañados en lúas románticas e feiticeiras. Pero todas, todas esas noites foron nosas -coma a auga que nos calou os osos- e polo tanto querémolas, pois sabemos que o bo e o malo son mestres da lección maxistral. Repasamos sucesos, aconteceres, inquedanzas, sorrisos e bagoas, logros e alegrías, retos superados, corazóns compartidos e deixarémolos ir -calmados, mansos- polo laberinto das memorias que nos van -alonxándose-construíndonos? Deben irse sen máis, non os deteñas, pois teñen o infinito por destino. Coa mirada nostálxica dun vello de mar dirémoslle adeus a aquelo que non volverá nunca, e con mirada alegre de neno recibiremos os novos presentes que nos quere regalar a vida cun ano novo. Porque outra vez, o novo día cántanos ó lonxe aquela canción nunca esquecida que fala de ti, de mín e dunha illa que somos tantas veces. Fala de perder o medo, de atreverse a darlle as claves ó espello que nos mira. Fala de ti e de min, dun neno aínda que mañá -tras este atardecer- será un guía.


Canta comigo esta balada, meu amor, e dame un bico que peche un ano e abra outro no que soñar, vivir, voar, abrir portas con esperanza sempre, con alegría, con afán de facelo ben. ¡Viva a misión que leva mimo! ¿Recordas? O mar contounos contos para durmir, a lúa fiou unha manta de liño para o noso neno, de principiño. Recolleremos estrelas se sementamos luz. Mira hacia adiante e recréate no que hai grande e fermoso ante ti, ese é o camiño. Acábase un ano e vennos outro de regalo cargadiño de días e horas, de menceres que habemos de abrir coma a caixa dos tesouros coa valentía dos piratas, coa paixón dos aventureiros, co romanticismo dos poetas, coa suavidade do amor.


NOTA: Por petición de quen me guiou a man en tan florida inspiración, prégase, amigo lector, que peche os ollos uns segundos e imaxine aquelo que queira con fervor. Díxome a Musa das Letras que a quen faga esta pequena meditación daralle un premio e un bico. Xa saben, eu cumpro as súas ordes e escribo o que ela me dicta. Insiste en que lle parece a mellor maneira de lanzarlle a todos un profundo desexo: feliz ano.

Te puede interesar