Opinión

O baile con 2016

Pechamos lentamente a porta do ano vello mentres miramos con morriña ese tempo que xa se foi... esas sensacións vividas, as satisfaccións e tamén as pequenas derrotas, as loitas e as superacións ás que nos enfrontamos. Adeus ó 2015 cos seus consellos e dozuras, coas súas parrafadas simples e coas súas sabias leccións, coas súas sinxelezas e as súas grandezas, co seu ir e vir diarios, cos bicos lentos e rápidos, co seu devagariño e as súas presas. Foron tantos pasos buscando -buscándonos-, cruzando rúas, atravesando pontes ou saltando charcos... Por todas as súas corazonadas e impulsos, polos seus pensamentos e intuicións, polas súas certezas e verdades, que nos fixeron ser mellores e máis amigos de nós mesmos, grazas.

Pasándolle está –amable e ceremonioso- o fachón de lume ó novo ano que comeza ilusionante, fresco, carballo recén plantado, que se encargará de proporcionarnos o útil e necesario para o noso crecemento como seres neste salón de baile que se chama vida. Cara nós ven con meixelas coloradas de adolescente, querendo seducirnos con sensual movemento e porte de xoven bailarín. Serán tantos os ritmos, tan distintas as cadencias, con novos acordes xiraremos ó compás das súas caricias, buscando –buscándonos-. 

Chega envolto en música, co seu falar clásico e elegante lanzando unha inxenua e encantadora proposta:

- Permíteme a primeira peza, delicada dama.

- Benvido 2016. Por certo, podes adiantarme algunha canción das que me vas cantar mentres dure o teu reinado?

- Non debería -confesou arrebatador-, pero vou facer unha excepción e susurrarche ó ouvido algunha das que tanto che gustan.

Apretándome a cintura con firmeza comezou a darme voltas, e en trazos sen retorno naceu o noso idilio deixándonos levar, fluindo, románticos, rodeados de aturuxos, chispas de sidra e alegría de vivir.

E a vostede, meu querido lector, xa lle contou o ani- novo algún segredo?

Feliz ano! 

Te puede interesar