Opinión

BENVIDO SEÑOR OUTONO

Cálido e cortés, cun suave aire aínda de verán, chega un ano máis o outono a nós, amigo lector, e aproveitamos este solciño agradable para que se nos faga máis curto o tempo escuro. Atópanos un pouco desconcertados, taciturnos, vagando incerteza, e o outono ?amigo de espir todo e de chamarlle as cousas polo seu nome, sen rodeos? pregúntase que nos pasa:


Fáltavos aire para respirar? Facedes ben a fotosíntese? Tedes suficientemente nutrida a raíz? Elevades os brazos-ramas ó ceo? Cumprides ordenadamente os prazos do día e da noite? Ofrecestes as vosas flores con mesura, sen complexos nin vaidades? Destes os debidos froitos para ben voso e dos demáis? Sabedes buscar e diferenciar as augas verdadeiras, as limpas e claras? Distinguides ben o canto do cuco do da curuxa? Entón que vos pasa, criaturas? Estades preparados para perder a folla, frear a saiva e soportar os primeiros fríos?


Eu debo ser quen son. Son o outono. Non poido ter piedade convosco, igual que non a teño coa árbore e o esquío, cos regatos e coas cobras? Debo despoxar do supérfluo e adurmiñar. Esa é a miña misión. Avísovos: buscade unha cova quente para os días do inverno, xuntádevos -como bos mamíferos- á manada para sentir calor, protección e agarimo. Preparade a despensa co necesario para sobrevivir e, se podedes, escollede unha árbore de base forte e potente que non sexa derrubada cos vendavais, que non se veña abaixo se as chuvias son abundantes, e que no tronco garde suficiente calor para resistir a neve e as xeadas. Así obran os demáis seres da creación, e vós, humanos, tedes esto e moito máis? entón? de que vos queixades? Que vos pasa?


Cálido e cortés, cheirando aínda a verán, o outono vai chegando ás nosas vidas, amigo lector, sempre cunha reflexión sobre o esencial, á nosa medida. Sempre cun conto para mayores, sempre con esa súa pose maxestuosa de pensador.

Te puede interesar