Opinión

Carta para abelardo pérez gabriel

Aprimeira vez que te vín foi nun recital de poesía no que ambos acompañabamos a Mª Luz Villar.Ó final do acto quedamos falando os dous e descubrín o teu interese polas artes e o teu don de xentes. Despois de algún tempo coincidimos na Rúa do Paseo e citeite para unha entrevista.A persoas coma ti é necesario que vos coñeza mais profundamente a xente-din que coñecer é amar- e que vexa todo o manancial que levades dentro.Vivías o esplendoroso éxito co teu 'Libro de Familia' pero seguías sendo próximo e humilde e naquel plató quedou estampada a túa alegre expresión e o axóuxere da túa risa. Alí descubrín a túa personalidade de artista entregado, o teu traballo incansable, e a nobreza que destilaba a túa potente e luminosa voz. 'A festa dos 60' volveunos xuntar, e alí bailabas abrazado e , quizais un pouco nostálxico, coa túa princesa, a túa Lourdes querida, esa gran muller pola que tu fuches tamén un gran home.


O cine foi a nosa última cita, no Centro Simeón xunto a Carlos, gravamos o noso Rompecabezas de Telemiño, no que ti , -ainda que te confesabas un pouco cansado-, quixeches estar, para compartir cos nosos espectadores a túa paixón, e desprendíches un entusiasmo e unha ilusión que traspasaba a pantalla. Alí quedou-me clara a forza do teu carácter, a grandeza do teu corazón, a sensibilidade de artista e a continua inquedanza que se impoñía en ti co fin de aportar algo, de entregarte, de engadirlle algo a esta mera existencia. Recórdote hoxe, elegante cabaleiro, de trato amable e agarimoso,de mente cosmopolita e áxil(prodigiosa a túa memoria lembrando títulos de películas e nomes de actores e actrices) e mentres escribo este artigo, paréceme que chega dende non sei onde a música de 'Candilejas', coma se nos quixera contar algo máis.


Fuches un home admirado e valorado, non eras un máis, en ocasións eras 'máis de un', pois tiñas a forza impulsora e dinamizadora de varios á vez, cualidade que se botará de menos nesta Terra de Auria.


Trato de visualizar unha imaxe, unha escena, un filme no que ambientar esta nosa despedida, pero coma sempre o ceo vai ser o mellor lugar para imaxinar,así que os que te queremos miraremos para arriba sabendo que naceu outro luceiro, mentres nós, simplemente, esperamos. Dende esta casa de La Región que tamén foi a túa, gracias por todo, meu amigo. Gracias por tanto, nosa estrela.




P.D. Abelardo, ¿queres volver recitar comigo,unha vez máis, aquela frase fermosísima que nos encantaba ós dous, da película 'Esplendor en la hierba'?


'Aunque nadie pueda devolvernos el tiempo del esplendor sobre la hierba y de la gloria en las flores, no debemos preocuparnos porque la belleza permanece en el recuerdo'. ¡Xenial, meu amigo,coma sempre!

Te puede interesar