Opinión

Carta ós Reis Magos 2016

De Ourense a Oriente, Maxestades, xa saben vostedes que son a nena que lles escribe tódolos anos dende que o mundo é mundo, que é como dicir dende que os nenos temos ilusión, que é sempre. Quero que vostedes traian moita saúde e tranquilidade para toda a xente. Que a grandes e pequechos lles brillen os ollos e lle sorrían as bocas. Que teñamos o corpo erguido, con forza e decisión e que as pernas nos queiran ir ás festas, os traballos, as andainas ou a mercar con paso lixeiro e voluntarioso, rezumando entusiamo. Que as mans constrúan cousas útiles e fermosas e que non se esquezan de agarrarse selando pactos entre amigos comprensivos. Que os corpos non sintan medo de aproximarse, que a cercanía e o contacto nas apertas sexa sinal de identidade entre os que obran con honestidade e honradez. Que a palabra dada sexa -outra vez- o mellor documento e que a mentira e a mala fe se vaian deste país de homes e mulleres tan traballadores e sensatos. Que todos os nenos teñan comida no prato, Maxestades. Xa sei que “non só de pan vive o home” pero din que case tres millóns de cativos non saben hoxe se comerán ou non, e eso é unha pena moi grande que vostedes teñen que evitar xa que son tan compasivos e xenerosos.

Saben que? Tráianlle todo a eles! Os agasallos que veñen para mín, lévenllos ás súas casas, e xa disculparei eu ante os meus papás ese “erro” das Súas Maxestades. Facerame tanta ilusión ver como lles enchen o prato de sopa e fabas, como comen froita de tódalas cores e como a os bebés lles cae o leitiño quente pola boquiña abaixo ata o papo de tanta abundancia. Ai, que fermoso será ver que non hai ningún neno que non sexa neno!

Sei que vostedes sempre nos achegan aquelo que máis nos convén porque son sabios, así que graciñas, Maxestades, porque sei que o novo ano vainos remozar a todos e facernos mellores.

P. D. Ah! Recorden: a moneca andadora que eu lles pedín, lévenlla á terceira filla dos nosos veciños, faceralle moita ilusión. Nunca tivo nada sen estrear!

Te puede interesar