Opinión

CONTO DUNHA NOITE DE VERÁN

Ven de paseo na noite comigo, meu neno lindo. Meterémonos nela coma se foramos un tren máxico de sentimentos alegres. ¡Ven! e parecerá que lle damos a volta o mundo se entramos nas entrañas das sombras e da penumbra. ¡Ven! Cada paso é un avance, miles de metros percorridos no mar da escuridade. Tantearemos o espazo e buscaremos dentro de nós a brúxula da intuición que nos levará adiante. Mira como saen os aromas das casas e como se mesturan na cheminea xigante do cosmos. Mira como respiran as herbas, como se pechan as flores para ir durmir, mira como palpitan as estrelas enriba de nós.


Dame a manciña, así notarei a calor do teu sangue e a emoción de escribir palabras invisibles nesta noite meiga. ¡Ves como te fai mirar ó lonxe, arriba, ó Alén?! ¡Ves como che abre os sentidos todos que ata podes palpar o baleiro! ¡Ves como se adormece o silencio co canto do grilo e co chi chi da chicharra!


Mira como todo dorme o soño tranquilo, ordenado, plácido das horas, mentres 'tiritan azules los astros a lo lejos'.


Meu neno, percibe a calor da terra, o agarimo do verán sobre a raíz das plantas, a caricia da brisa nocturna sobre os froitos, sobre ti, sobre mín, que non somos máis que dous seres que agora observan o que fai a vida sobre as súas criaturas. A túa manciña empeza a enfriar e xa soñas co leito quente, co doce fogar que te espera.


¿Viches a estrela fugaz, meu neno? ¿Víchela? Ela tamén coma nós saiu dar un paseo, unha volta arredor do seu mundo para comprendelo todo mellor, e agora volve á casa. Coma nós, meu pequeniño. Igual.

Te puede interesar