Opinión

DÍA DA ROSA EN MOURA

Dende ben pequena xa lle tiña especial cariño á Virxe. Afirma con rotunda fe que a librou de todo mal e que a protexeu sempre, por eso cada mes de maio faille o seu regalo acompañada de todas as mulleres e de moitos homes -cada vez máis- do pobo. Buscan a mellor canción, o máis precioso verso, e ofrécenllo como regalo, ainda que o mellor obsequio para a Nai de Deus será -supoño eu? contemplar estas reunións marianas no pequeño pobo de Moura e observar a emoción coa que aquelas nais rezan e cantan para Ela, coas lágrimas nos ollos moitas veces, encomendándolle a toda a familia, especialmente ós seus filliños e netos. Os seus exercicios de maio culminan coa Misa da Rosa, na que o último domingo do mes todo o pobo ofrece esa flor que leva dentro un segredo gardado, unha plegaria, un desexo que soamente o silencio sabe cal é.


Estas liñas son para darlle as gracias a esta muller da que falo, da Señora Segunda de Moura, porque sabe manter viva esta chispa da alegría e de amor que reúne a casas enteiras en torno a Virxe e na que os nosos pequeniños nos fan emocionar a todos mentres lle lanzan lindezas a aquela mamá que teñen no Ceo. Ensaiados e acariñados con suma paciencia '¡falade alto, cariños, que se vos oia ben!', ela componlle os poemas e versos que lle parece máis apropiado para cada neno, obrigándoa a durmir cunha libreta na mesiña por se á inspiración se lle ocorre vir de noite.


Así comezan os nosos fillos a falar en público, así van superándo medos e coñecendo o sabor dos aplausos. Esas nenas cos lazos de cores, preciosas, eses homiños elegantes e repeinados, ese entusiasmo, une na emoción a todo un pobo e fai chorar incluso a ese noso querido párroco Don Mateo, que con tanta dozura nos trata a todos, especialmente ós nosos fillos. Gracias por facernos vivir momentos así. Noraboa.

Te puede interesar