Opinión

DON VÍCTOR CAMPIO PEREIRA 'FILLO PREDILECTO'

Sempre alzarei eu a voz, para cumplir -como aquel que ten unha sagrada promesa- con quen leve a arte no corazón. Naceu en mín esa misión un día, á luz dun verso de primavera, naquel poema que algúns coñecen ben: 'Por el arte', no que me declaraba soldado e centinela ante a devoción artística. Por eso hoxe, moito máis ca nunca, debo alzar a voz, 'e a luz e o canto' para loar a sensibilidade poética dun dos meus autores preferidos, tan querido como admirado: Don Victor Campio Pereira.


Porque el decidiu nacer un día en Garabás, ser neno alí, xogando o peón, brincar co seu can e co seu moneco de cartón Pepinucho; porque un día foi mestre de Lagoas e eu senteime nun pupitre ante el naquela clase onde nos falaba de Curros ou de Celso Emilio e Rosalía, onde nos facía partícipes da recuperación das palabras en galego para que nunca se perdera a nosa lingua. Alí onde ?facendo escola? espertaba o interese nos alumnos suscitando así a nosa inquedanza de escolares, as nosas ás de pequenos intelectuais. Cantas veces eu -tímida alumna que era naqueles tempos- quedei coas ganas de preguntarlle cousas sobre o son das Musas e o seu brillo. Pero sempre a vida dá unha segunda oportunidade, e cando o volvín ver na rúa, convideino a presentación do meu primeiro libro de poemas. Non soamente estivo alí, senon que me tranquilizou, como se de pronto fora o meu pai, no caso de que viñera pouca xente ó recital: 'Xa sabes que a poesía é cousa de minorías ', díxome coa ternura que o caracteriza. Pero aquela minoría aquel día, fíxose grande, e alí estaba a miña xente enchendo o Ateneo. Por eso a miña emoción foi doble ó verlle brillar os ollos de emoción coma se lle estivera acontecendo a el. Sabemos ben que esa empatía, esa benevolencia, esa grandeza e bondade non son fáciles de atopar. Pero por se eso fora pouco, débolle o honor de haberme concedido as dúas unicas entrevistas que ten gravadas para a televisión.


Todo un documento. Por esa leal complicidade, pola sua fidelidade de mestre, comprenderá vostede, amigo lector, que hoxe non só alce eu a voz senon que a lance ós catro ventos. Maside ven de nomear como 'fillo predilecto' a este home, a quen, comenta contundente Xesús Alonso Montero, se 'lle adicará no seu momento o Día das Letra Galegas'. Sei que así será porque é xa unha das voces máis rotundas e de maior sensibilidade da nosa lírica. Porque é un dos nosos grandes, que mediante o don da palabra deixa constancia do poder e do valor da infancia, da familia, do amor e, por suposto, de vivir sempre fiel a un ideal. Noraboa, meu querido mestre, e longa vida. Grazas por tantos momentos únicos.

Te puede interesar