Opinión

OS GRANDES MESTRES EN OURENSE

Non debe deixar pasar, amigo lector, esta magnífica ocasión de poder contemplar ós grandes xenios do mundo da pintura que Novacaixagalicia achega á nosa cidade. Celebremos a primavera os amantes da arte disfrutando de Caravaggio, Durero, Tizziano, Rubens, Tintoretto? Que veñan os incondicionais de Murillo e de Ribera, os de Van Dick e Ingres, que veñan os románticos a soñar con Willian Turner e os fascinados polo sempre poderoso Miguel Angel para ver na súa única escultura de bronce o estudo da anatomía, o xesto firme, a presencia aplastante dun xenio que nos fai enmudecer. A Praza Maior foi a mellor porta - franca e inmensa- pola que darlle a entrada á nosa cidade, sempre ávida de coñecemento e de sensibilidade artística. A colección do señor Jean Zanchi atesoura 800 pezas, constituindo unha das pinacotecas privadas máis espectaculares do mundo, e que soamente se amosou ó publico no Xapón. Nesta xira por España -con especial interese en que chegase a Ourense-, tivo moito que ver un home, man dereita deste empresario suizo, que teceu cos fíos da dozura e da fidelidade ó seu gran amigo, Zanchi, a situación apropiada para que agora todos nós, amigo lector, poidamos gozar e recrearnos con esta impresionante exposición. Será que sempre hai un ourensán no momento e no lugar perfecto no medio do mundo facéndonos sospeitar que a palabra casualidade ten moito daquelo que pensaban os clásicos: 'destino.'


Que veñan os artistas para nutrirse, os filósofos para buscarse, os apagados para recuperar a luz, os namorados para mirarse os ollos con ilusións novas e os mestres rodeados dos seus nenos para ensinarlle que alí, naquel pedaciño de lenzo de cores, poden atopar a inmensidade.


Te puede interesar