Opinión

MAMÁS

As que un día lle dixeron si á vida e floreceu a rosa? As que nos entregaron o mellor berce onde durmir; as que co seu sabor a colo amable, a súa calor e o seu aroma inconfundibles nos deixaron marcados na zona máis profunda do cerebro o amor de nai. As que ?incansables- guiaron os nosos primeiros pasos, acudiron protectoras ó noso pranto e nutriron os nosos soños co seu candor. As que nos miran sen cansarse de vernos, as que nos atenden sen desfalecer, as que se asoman a ventá esperando que cheguemos, as últimas que quedan dicíndonos adeus dende lonxe se nos imos? As que nos espertan co brillo alegre da alba e as que nos dormen ata que se dorme o sol no noso corazón. Incansables misioneiras dunha causa pola que dan a vida.


Mamás coas que estamos infinitamente en débeda. ¿Cómo se paga a vida? ¿Con que? ¿Como pagarlle á nosa primeira e mellor mestra, á enfermeira e socorrista máis atenta, á psicóloga e asesora incondicional, á nosa guía, ó espello onde nos miramos cada día para saber definir un día o seu contorno e o noso, establecendo eses límites que nos permiten medrar? As mamás son esa porta sempre aberta -sen condicións nin contraseñas? pois os nosos ollos son para elas claridade e transparencia onde len a verdade, a pureza e a inocencia coa que nos criaron. Para esas mamás nas que mamamos o amor, a primeira luz, para elas sempre o noso biquiño máis quente o máis profundo, ese que sexa capaz de cegar ata alí -ó cerne, á esencia- ó lugar sen fin do que elas aquel día nos rescataron, entregándose.

Te puede interesar