Opinión

O NOSO MONCHO BORRAJO

Moncho Borrajo chegou ó Teatro Principal co seu espectáculo 'Intimo' para deixarnos constancia unha vez máis do seu poder balsámico e rexenerador, do seu cóctel explosivo de enerxía e humor polo que filtra para nós a vida, facendo brotar dela o manancial da risa. Artista de pés a cabeza. A ópera, a copla, os contos, o neno setemesino, o pai, a nai, o cura, todo o seu mundo ante nós.


Dicir Moncho Borrajo é decir 'entrega' (40 anos de carreira). Por eso, se vostede está un pouco decaído ou baixo de ánimos, concédase como obsequio un espectáculo do noso Monchiño. Un provocador cando actúa, un místico cando pinta, un 'santiño' admirador de Ferrer e Teresa de Calcuta cando crea a súa fundación. 'Os nenos', ese é o seu obxectivo. Ese paraíso da infancia que nunca perdemos os que a tivemos a raudais, os que da boca da nosa nai bebemos todos os bicos, e nos ollos do noso pai vimos brillar todas as estrelas.


A infancia ?que non se lle foi nunca a Moncho Borrajo- esa é a que lle quere coidar e protexer ós nenos que a necesitan. E por eles e para eles non dubidará en traballar de novo ó longo e ancho deste país que o quere tanto e que o admira e valora. Co mesmo amor co que nos canta, coa mesma dozura coa que nos entusiasma, coa mesma calor coa que nos nutre de risas, co mesmo candor co que nos recorda que a 'moeda número cen' témola dentro de nós onde gardamos 'a risa do noso corazón'.


Con todo ese agarimo da muller galega -única e irrepetible entregándose e traballando polos seus- pintará a palabra alegría e cobixará esa fundación que nace e á que lle desexamos que sexa un éxito. Como todo o que el fai, como o que é. Un regalo.

Te puede interesar