Opinión

OFICIOS E TRADICIONS, DE FERNÁNDEZ DAFONTE

Se quere recrearse unha vez máis, amigo lector, nese 'de onde vimos', non deixe de visitar a exposición do Auditorio. Alí atoparase de novo dentro da nosa Galicia naquel tempo onde todos fomos nenos, onde as avoas non tiñan idade e os vellos contaban contos eternos e universais. Mentres coce o caldo no pote, os nenos brincan, xogan sen parar entre eles e coas súas mans gordechiñas e moradas escorrentan o frío inverno daquelas xeadas tan duras. As súas cariñas coloradas e sorrintes, pérdense entre rúas estreitas. O alquitareiro vixía pacientemente a augardante, que está que arde. A meiga prepara as pócimas con feitizos e esconxuros, mentres o carro das vacas do señor Manuel, co seu canto, envolve o pobo nunha ladaiña que nos eleva a todos cun mesmo rezo. 'Din que o sacristán bebeulle o viño ó cura? e o abade púxolle as orellas rubias? e tamén contan -pero ti xa sabes como é a xente- que se falan Xoana e Balbino e que todo o tempo lle é pouco para andar de amores. No lusco e fusco óese xa o fol da gaita e as meniñas bonitas xa sacoden a saia e cantan ó compás: 'Mociñas ó fiadeiro que o gaiteiro vai tocar!'. 'A maxia da vida está na sinxeleza, na alegría, amigo meu', dille un vello ó outro mentres fuman un pito.


Adolfo Fernandez Dafonte, con estas pezas pequenas de barro que plasman os oficios e tradicións desta nosa marabillosa terra, lévanos con sensibilidade e agarimo ó lugar sagrado de onde vimos todos, ó paraíso rural dos sabios homes e mulleres que nos deixaron unha estela que seguir sen esquecelos nunca. Nunca, amigo lector ¿verdade?

Te puede interesar