Opinión

Regalo para as mamás

Dicía a miña avoa que a palabra máis fermosa do mundo era a palabra “mamá”, que a fixera estremecer cando o seu fillo lla dixera por primeira vez e que recordaba aquela sensación “coma se fora hoxe”. 'Nada é tanto de un como o é un filliño, e ninguén nos quere máis cá nosa nai, xa te darás conta do que che digo algún día, miña nena…”. As avoas son moi dadas a deixarte así, nese paréntase aberto anos e anos ata que un día, daste conta e pensas: “¡Xa mo dicía a miña avoa,que razón tiña!”, e por fin pechas o paréntese que lle daba sentido áquela reflexión. Esta mullerciña velliña nunca tivo un diccionario nas mans, non lera a Góngora nin a Quevedo, oira falar dun tal Quixote pero non sabía nada dos clásicos nin se os romances levan final truncado, ¡pero sabía de vida! Ela aprendera a escribir cun pauciño sobre a terra e lía perfectamente –encantáballe ler o periódico- facíalle versos á Virxe polo mes de maio con melodías preciosas que despois cantaban a coro as mulleres no rosario, ou recitaban os rapaciños para a “mamá do Ceo”, e ademáis soubera escoitar a música máis celestial e sinxela da boca dun neno, esa palabra que máis que un nome parece un verbo dito con mimiños. Todos somos pequeniños cando lle chamamos á nosa muller favorita “mamᔠe impórtanos pouco que sexa un termo do dadaismo ou do infantilismo, se sacia as caricias do neno que levamos dentro. E ela, cando a sente, parece recobrar recordos solapados, parece que volve oir nas súas entrañas a mesma música que escoitara a miña avoa, e a túa tamén, amigo lector, e así xeración tras xeración. Porque cando digo mamá, digo “quérote, déboche a vida, déboche as forzas, o alimento, o meu pan, a calor, a raza que me fai valente, déboche a melodía do teu falar, do teu cantar, do teu respirar cando me durmías. Déboche o verso que palpita en mín cada día que amañezo, déboche tantos rezos para que todo me vaia ben…

Dicir mamá é saber que temos unha casiña indestructible no peito. ¡Que razón tiña a miña avoa…

Te puede interesar