Opinión

REGALO PARA PAPÁ

Querido papá: Sei moi ben que cada día é o día do pai, e da nai e dos fillos; que sempre é un momento ideal para o amor que ti me dás acompasado ó ritmo dos meus anos, das miñas motivacións e os meus desexos. Levabas dentro un pai marabilloso que saiu de repente cando eu nacín; igual que brotan as flores, agromou en ti o instinto de protexerme, de coidarme, de envolverme en ti acurrucándome?


Cada intre, cada lúa, late o teu cariño protector alentándome os pasos, amosándome destrezas, tácticas para vivir nun mundo que non é o que ti soñabas para mín, xa o sei, pero que entre todos poderemos melloralo. Sacias as miñas ánsias de saber e convérteste no sabio Mestre que sabe premiar coas palabras se o fago ben, e esquece e dame dez oportunidades máis se -despistado- fallo. Sempre co teu apoio e arenga, sempre coa comprensión. Sabes esperar o momento perfecto para o consello, en positivo terei a túa aprobación incondicional, pois tamén ti sabes que eu estou desexando compracerte. Ti es, papá, a miña referencia, o espello onde mirar. Os pais sodes moi importantes para os fillos: teño a túa postura, o teu xesto, a túa expresión e coloco os brazos e as perniñas coma ti (¡ pero uns centímetros máis abaixo!). Todos os fillos queremos ser coma vós, por eso: fiade con tino nesta tea da vida pois así o faceremos nós.


Querido papi, xa sei que cada día é o teu día e o meu, pero como dí o Principiño 'os ritos son necesarios', e hoxe quero que saibas que non caen en van os teus desvelos, nin os teus esforzos polo meu ben, que cada vez que me ilusionas para abrirme camiño, cada vez que me abrazas e me dis baixiño: 'meu neno', miles, millóns de estrelas se esparcen no meu peito para formar para ti o bico máis fermoso, aquel que garda dentro -como unha piñata xigante- o máis delicado e saboroso 'quérote'. Meu papá, felicidades.

Te puede interesar