Opinión

ABREFÁCIL

Abrefácil. Algún día alguén terá que acabar con esa broma de mal gusto que nos queren vender como gran invento. ¡Tempos aqueles da tesoira, da navalla, do coitelo, do sacacorchos, e demais artiluxios, capaces de abrir todo o tipo de envases! ¿Quen, cuns cantos anos, non recorda o enxeñoso abrelatas 'el explorador', de manexo tan simple que ata un neno pequeno o podía usar sen esforzo? Pois dende vai un tempo, e dando ao traste con todo o anterior, están a imporse uns disparatados procedementos de apertura, moi diferentes entre si, e todos eles acollidos á denominación común de sistema abrefácil. Nome totalmente enganoso, cando é o de 'imposible' o que tan ben lle cadra. ¿Pero é que pode caber maior dislate? Pois iso é o que hai. Xa non vai quedando no mercado ningún cartón de leite sen o seu correspondente abrefácil. E o mesmo ocorre coas botellas de aceite, coas botellas de auga, cos botes de refresco, cos botes de olivas e de fabas, coas bolsiñas de xamón e queixo, coas latas de conserva...


Un sistema que avanza triunfante en plan arramplador. E curiosamente, contra o parecer de todo o mundo. Pois ata agora, e a non ser a Moncho da Libraría Tanco (adaíl convencido), a ninguén máis lles teño oído unha soa palabra de gabanza para os infaustos abrefácil, dando conta todos os usuarios dos seus fracasos, da perda de tempo, dos estragos causados; cando non, de graves lesións. Tapadeiras que feren as mans ao tratar de desenroscalas, aneles que curtan o dedo índice en intento falido de abrir un bote de refresco ou un paquete de leite, estragos producidos no traxe novo por salsa de tomate ao saír disparada da bolsiña de plástico na que estaba envasada. De desastre. Con todo, son os abrefácil das latas de conserva os que levan as maiores críticas polo perigo que representa a súa manipulación, pois somos moitos os que levamos sufrido nas nosas propias carnes os seus terribles efectos. Sistema odioso, pero xa tan asentado, que pasará moito tempo antes de que o sentido común acabe por fin con el. Mentres, é algo que temos que asumir, e non vale de que darlle.


De momento, habería que esixirlles ás empresas que se valen deste sistema que, ao igual que ocorre coas medicinas, incluísen no propio envase algunha advertencia do tipo: 'Manexar con coidado, xa que un uso inadecuado do mesmo podería ocasionar danos irreparables. En caso de dúbida, consulte ó seu tendeiro'.


Te puede interesar