Opinión

COLAS

Como en tantas outras cousas, por máis que nesta para ben, colas o que se di colas, as de antes. Certo que non desapareceron de todo, que algunha inda vai quedando. E que calquera pode ver ou sufrir nos supermercados, ou na adquisición de entradas para un espectáculo, ou nos lugares de pago da contribución, ou nas oficinas de emprego; ou mesmo para conseguir de moca un puño de castañas o Día dos Magostos. Mais, salvo raras excepcións (como no caso das castañas e o do pulpo, do que despois me ocuparei), é unha realidade que as colas de agora perderon o carácter de ringleira interminable daqueloutros tempos.


Antes de seguir, quixera desfacer un malentendido. Non é o mesmo unha cola de xente, que un grupo de xente en espera. Hai coincidencia, si, na norma non escrita que as regula: 'cada cal será atendido cando lle toque a vez'. Pero coa diferenza que mentres nas colas hai que aguantar a pé firme sen abandonar a fila, nos grupos (estilo Catastro) a espera pode ser nun asento. Facíamos referencia a un orde de espera para ambos, que no caso concreto das colas este orde ven determinado polo momento de incoporación á ringleira. Un precepto simple, e moi xusto, pero que algúns se empeñan cada día en transgredir. Dando lugar, nalgúns casos, a grandes altercados nos que non faltarán insultos, xuramentos, empurróns, golpes.... e que só a Forza Pública será quen de aplacar. De aí que non deixe de marabillarme o ambiente reinante nas longas colas que cada domingo se forman na zona das Lagoas de Ourense (ó lado da antiga fundición Rogelio F.), para ser atendidos por un par de pulpeiras. Dende vai un tempo, e por razóns que non veñen ó caso, a maioría dos domingos acostumo a pasar en coche por alí pouco antes de comer. E de sempre me ven chamando a atención tanto a longura das colas como a serenidade coa que a xente parece asumir a espera, nun sosego, en xesto e voz, que tanto contrasta co clima crispado doutras colas así. Un sosego que non logran quebrar nin os calores de agosto, nin os fríos de inverno, nin as máis dilatadas esperas. Contábame un dos asiduos que por insoportable que sexa o día, por numerosa que sexa a clientela e por lenta que vaia a cola, nunca a ninguén se lle oíu unha mala palabra, nin nunca ninguén se valeu de mañas arteiras para adiantar algún posto; sendo a xente moi compresiva, iso si, cos casos e urxencia verdadeira. Ou sexa, todo un exemplo de civismo o que nos dan estas persoas. E tal como o sinto, así o digo.

Te puede interesar