Opinión

INCURSIÓN

Aínda que queda algo máis de medio ano para a celebración das eleccións municipais, a estas alturas do ciclo non resulta arriscado aventurar que nas cidade de Vigo e da Coruña a batalla dialéctica a librar entre os candidatos das dúas forzas maioritarias desenvolveranse nuns niveis de agresividade sen precedentes. De maneira especial (tema estrela) á conta do idioma galego, onde os enfrontamentos acadarán o seu maior grao de virulencia, por ver quén aborrece máis del. Nunha estratexia verbal moi similar nas dúas cidades, que nin calcada unha da outra.


E con debates na televisión que, máis ou menos, soarán así: 'Y no me vengas ahora diciendo que nunca hablaste gallego'. '¿Yo? ¿Pero qué dices?'. 'Sí, sí, tú. Tengo testigos'. 'A lo mejor fue contando un chiste o cosas por el estilo. Por lo demás, sería lo último que se me ocurriese. En cambio tú, no puedes decir lo mismo'. '¿Que yo no puedo decir lo mismo? ¿Qué tontería es esa?'. 'No es ninguna tontería, que lo tengo muy bien documentado'. 'O retiras lo dicho, o te presento una querella'. 'Pues presenta lo que quieras. Pero tengo en mi poder un vídeo en el que, en un mitin de las anteriores elecciones, durante más de un minuto te dirigiste a los asistentes exclusivamente en gallego. Sí, en gallego'. '¡Mentira! Seguro que se trata de un burdo montaje. Todo el mundo sabe muy bien en qué concepto tengo yo al dialecto gallego'. 'Nada de montaje. Es la pura verdad'. 'La verdad es la de esos testigos que puedo utilizar en tu contra, que te dirán a la cara cuando y donde pasaste casi toda una velada hablando en gallego'. (O outro dirixíndose á cámara) 'que sepan todos los televidentes que estás contando una milonga. Una sucia milonga. Nada más que por denigrarme'. E así seguirán ata que o moderador, abochornado, dea por rematado o debate.


En tanto, ¿cal será o papel da terceira forza política en ámbalas cidades? Todo parece apuntar a que daquela os dirixentes da formación continuarán coa súa disputa interna sobre a pureza das esencias. Que o demais, impórtalles bastante menos.


¿E que dicir desoutra forza emerxente, con aires de salvadora? Pois, consecuentes coa súa maneira de actuar, pasarán o tempo de campaña batuxando nas augas escuras da demagoxia. Que é o seu.

Te puede interesar