Opinión

Río Barbaña: a crónica dunha morte anunciada

A historia do río Barbaña, en Ourense, está tinguida de desfeita ecolóxica desde hai moitos anos. Hai constancia de denuncias polo mal cheiro que desprendía o río xa no ano 1998, e as veciñas e veciños de Ourense quixeron crer a aquel alcalde que no 2000 prometía darlle unha solución á lamentable situación do río; un proxecto que serviría para que as augas depuradas chegaran cun nivel óptimo á canle fluvial... Pero nunca aconteceu.

Ao longo destes anos, o exemplo de custodia do río e do seu estado protagonizárona asociacións ecoloxistas e veciñais de Ourense, con multitude de denuncias presentadas, e sentándose a trasladar a súa preocupación aos distintos gobernantes, ben do Concello, ben da Confederación Hidrográfica. Con todo, o río converteuse nunha carga política á que ningún equipo de goberno no Concello de Ourense soubo por fin. O Barbaña perdeu toda esperanza de vida, e a ilusión por protexer fauna, flora e dignidade remataron no xulgado hai agora un mes. Desidia, desleixo, descoñecemento e incapacidade, converteron o río na cloaca de Ourense.

O río Barbaña e os seus afluentes son canles fluviais mortas dende a bioloxía, debido ás constantes verteduras de substancias de todo tipo, converténdose nun sumidoiro para a cidade de Ourense e para os concellos contiguos. Unha situación inexplicable e inxustificable a día de hoxe, que incumpre, de forma reiterada e impune, toda a lexislación que hai ao respecto.

Sábese que, hai menos dunha década, algunhas das empresas do polígono de San Cibrao das Viñas non tiñan conexión ao sistema de saneamento da área industrial, provocando, sobre todo en época de chuvias, continuas verteduras ao río. Isto segue a acontecer e a Confederación Hidrográfica abre expedientes por condutas reiteradas e contrarias ao marco xurídico, coa imposición dunha mera sanción económica que, na meirande parte dos casos, non posúe o carácter exemplarizante como sería de esperar para este tipo de feitos.

Indo máis aló, ademais da concorrencia penal e administrativa resultante dos atentados reiterados sobre o río, as administracións deberan executar o mandato da Lei de responsabilidade ambiental cuxo espírito parte do principio de "quen contamina, paga", polo que aquela que contamine estará obrigada a reparar os danos ou prexuízos ocasionados ao medio ambiente, incluíndo situacións de alto risco que tamén terán a súa valoración económica. Segundo esta norma, non é necesario que se produza de facto o dano ambiental, bastaría coa ameaza inminente de se producir.

É necesario lembrar que a contaminación reiterada sobre o río, non só afecta incuestionablemente á fauna, á flora e ás augas, senón que pode derivar un serio problema de saúde pública. Por iso, a comunicación en tempo dunha denuncia, xunto coa rápida intervención administrativa, resultan ferramentas indispensables para dar cos autores dun feito que non só atenta, como digo, contra o medio ambiente, senón tamén contra a saúde das persoas.

Desde Ourense en Común decidimos que é tempo de construtivismo. Criticar a situación que se herda e se reitera é importante, pero aportar posibles solucións que acaben co problema dun xeito case inminente, é tamén a nosa responsabilidade. Por iso, en xullo propuxemos ao concello que tomara medidas ao respecto da protección deste ecosistema fluvial urbano, entregando ao goberno un proxecto elaborado pola Universidade de Vigo. A través da súa execución, obteríamos resultados inmediatos para o coñecemento da situación biolóxica actual do río e das posibles actuacións para recuperalo.

Aínda non tivemos resposta e nesas estamos. Pero, canto tempo lle queda ao río Barbaña para esgotarse definitivamente? n

Te puede interesar