Opinión

Deporte na publicidade

A aparición de deportistas en anuncios publicitarios non é algo novo. Son moitos os exemplos de compañías e institucións, non só deportivas, que teñen usado a súa fama e tirón popular como reclamo nos medios, fundamentalmente o televisivo. Sen embargo, un dos máis coñecidos cavas españois vén de estrear un anuncio onde o emprego do deporte dá un paso máis. Resulta que a súa campaña de nadal, que tódolos anos constitúe un fito nestas datas, ten como protagonistas ás nadadoras do equipo español de natación sincronizada.


Ben é certo que son deportistas de elite con numerosas medallas olímpicas e de campionatos do mundo, pero aquí a verdadeira estrela non son elas senón o propio deporte. A súa combinación de cores, de auga, de luces, de música ou de movementos é sinxelamente espectacular e isto só é posible grazas a fermosura e beleza da propia natación sincronizada. Coido que a nivel publicitario será un anuncio que se lembrará por tempo e seica é o inicio da aparición de deportes deste xeito en termos de mercadotecnia das empresas.


Unha famosa campaña de nadal ten como protagonistas ás nadadoras do equipo español de natación sincronizada Asemade alégrome moito polas nadadoras da selección nacional , algunhas das cales teño o pracer de coñecer en persoa.


Resulta gratificante ver como pode ser recoñecido o seu mérito máis aló das piscinas. E finalmente confío que esta campaña teña os seus efectos na nosa cidade.


Ourense conta dende hai pouco cunha incipiente escola deste deporte ao abeiro do Club Sincro Ourense. Aí, un grupo de cativas traballa con moito empeño e tesón para se converter nunha Gema Mengual ou Paola Tirados.


Ogallá o consigan, e así que no próximo anuncio haxa algunha nadadora nosa entre tanta burbulla.



Te puede interesar