Opinión

Arturo Noguerol

Artigo publicado en O libro dos amigos, (1953)

Foi seu pasamento como un espertar punxante e frío. Agardaba vivir aínda. Con il outros amigos. Todos finaron a carón do espertar engaiolado de montes, daquela duros coallados en pesadelo da banda ferrolá.

Ou cecais foi unha pura alba entón.

A terra de Galicia, de tanto sufrir polos fillos queridos, puidera ser avarenta das bágoas.

arturo-noguerol-lamina-25,5x35cm.pdf_web

Pensan algúns ser cativa ofrenda o chorar. Mais, agás das horas de silencio esculturadas en feituras de penedías ¿que mellor sentimento ós mortiños?

Co nome de Arturo Noguerol vai en min cinguida a lembranza de vivires mañanceiros, choutantes de porvir e a tristura dunha rexa e leviá intelixencia non coallada nos froitos agardados.

Peña Novo, Porteiro Garea, Noguerol, semellaban nados para seguir afondando as aradas dos grandes mestres dos séculos pasados nos eidos e ermanzas do noso dereito

Hai unha beleza de home, un estoicismo feito a proba de xenerosidade de tempo e de destinos. O chimpar lonxe fortuna e nome. Unha elegancia soio apreciada nos círculos máis desemellantes. Nas conversacións dos artesáns da vella caste, “fillos do pueblo” soio románticos no Orfeón, e nas reunións dos fidalgos de antigos soutos e rendas.

Tamén os labregos antergos criados na sombra e respecto dos alciprestes e das demarcacións dos foros torcían o bico ao saberen ser bo estudante o fillo do señorito.

Hoxe son respostas vellas á vida. Case se non comprenden. Nos días da xuventude Arturo Noguerol soubo moito de pazos e fidalgos polos de Parada de Amoeiro e polas amizades do seu pai, un dos homes enteiros, bos e de cerne humorístico da Curia de Ourense.

Noguerol foi no Galeguismo o arbitrista, o financeiro, o home das trazas e recursos precisos para sacar adiante unhas eleccións, a edición dun libro, a carreira dun rapaz de proveito.

Inda pensando no pobre amigo bailan no turreiro da miña admiración polo que non entendo os números en ringleira, en requintadas estratexias dispostos para fundar a grande editorial espalladora da cultura galega

Tiña Noguerol a palabra enxoita e fina. A súa friaxe en grande parte calculada polo seu humorismo pechaba un calmo e fondo entusiasmo. Fóra do galeguismo, Arturo Noguerol non tomaba ren en serio comezando pola súa profesión.

Falaba dil non hai moito en solaina da terra dos Chaos un patrón vello picando cigarro: “¡Inda me parés velo chegar, noviño, preguntando cousas, albelo, de fino sorrir... Non parece posible”. Tremaba o pitillo na rexa man engurrada.

Te puede interesar