Opinión

Almodóvar & Munro

Sen entrarmos na polémica dos papeis de Panamá, que nada teñen que ver coa apreciación deste novo filme de Almodóvar -Julieta-, si sería interesante poñer en valor a boa escolla do manchego ao  inspirarse nos relatos da autora canadense, Alice Munro -Premio Nobel de Literatura no 2013-, para a súa fita. Pedro Almodóvar optou entón por tres historias da devandita escritora -Silencio, Pronto e Destino-, que indagan no sentimento de culpa de Julieta, como consecuencia da desaparición da súa filla, ademais de conseguir captar á perfección a poética de Munro, certamente sobria. Así, nesta ocasión, os escenarios son austeros -non atoparemos aquelas cores fortes, habituais noutros filmes seus- e a interpretación contida. 

O decorado interior da vivenda de Julieta, por exemplo, ten eses tons fríos e metálicos dun piso moderno, algo que concorda perfectamente coa actitude do personaxe, que, malia a dor, mantén certo equilibrio, sen aspaventos. Suárez e Ugarte fan gala, insisto, dunha contención ben interesante, que axuda a transmitir a inquietude que consume lenemente ás persoas sometidas a certa tensión emocional. Estamos ante unha profunda historia de desafecto, tratada con sutileza e naturalidade -con algunha que outra imaxe poética como a do cervo que se pode ver no medio da neve, dende o tren, por exemplo-, algo que valoro especialmente, porque sae do rexistro habitual almodovariano, para arriscar nun drama menos teatral, pero igualmente fondo e intenso. 

Porque ese silencio imposto rompe por dentro a Julieta, que non deixa de preguntarse que sucedeu para que a súa filla liscase así, sen dar sinais de vida. Por outra banda, o final aberto, permítenos un respiro, unha certa esperanza. Talvez esa visita á filla, que, sorprendentemente, decide comunicarse, dea paso a un novo tipo de relación, exenta de prexuízos. Ou non. Non poderemos sabelo con seguridade. Daquela, a dúbida fica suspendida no ar. Chegarán a entenderse? Como todas as historias ben contadas, nada se fai evidente. Isto é o que máis me gustou desta peli, que, en efecto, non tira proveito dos tics tan explotados por Almodóvar até o de agora e parece abrir camiño a unha nova estética bastante menos recargada e máis sólida. 
As historias de Alice Munro ben merecían ese esforzo. 
 

Te puede interesar