Opinión

Hipatia

Amenábar ofrece, unha vez máis, unha boa película. Non é que sexa excepcional. En absoluto. Afirmar iso sería pasarse, mais cómpre recoñecer a corrección do traballo ben feito, refírome non só á interpretación de Ashraf Barhom, Rachel Weisz ou Max Minguella, mais ao desenvolvemento da acción, á verosimilitude (agás no caso da morte de Hipatia, intencionadamente suavizada) e á orixinalidade de determinadas escenas como o ataque á biblioteca de Alejandría, visto dende arriba, mediante un plano aéreo que remata por animalizar a visión dos personaxes que semellan auténticamente formigas, envoltas nun vurullo negro, revolvéndose na area.


Aquí deixa o director a súa pegada máis fonda, nese afán por amosar esoutro punto de vista que achega o grande ao pequeno, relativizando a importancia das cousas que suceden, dándolles a volta, mirándoas dende outro ángulo. Xoga a mesturar o continente co contido e conségueo dun xeito notábel. Así, para que o espectador non perda a perspectiva, permite que, de cando en vez, escoitemos o estrondo da terra.


‘Para quen ten medo, todo son ruídos’ afirmaba Sófocles e canta razón levaba! O medo sae das pozas e pucharcas, entra no cosmos e chega até os nosos oídos para desubrirnos o infinitamente minúsculos que somos fronte ao universo do que formamos parte. Como sucedía coa escena das formigas ou coa entrada dos cristianos na biblioteca, contemplada dende abaixo, podemos comprender o absurdo da barbarie orixinada por mor dos intereses políticos dos cristianos e a falta de humanidade.


O medo aparece nos ollos de Hipatia, por primeira vez, durante o ataque á biblioteca pois a escuridade intelectual que diso derivaría horrorizábaa. Porén, o máis duro para esta brillante muller, foi descubrir a cobardía dos seus antigos pupilos ante Cirilo.


Tendo en conta todo o anterior e, malia o perfil claramente comercial de ‘Ágora’, estamos ante unha boa historia, decentemente contada, que falla un pouco no retrato íntimo da protagonista, pois apenas explora o seu instinto de supervivencia, a dor pola perda do pai, a tensión sexual cos seus discípulos e as súas inseguridades. Diríase que estamos ante un personaxe épico.


En todo caso, quedémonos con iso, co bo labor dun honesto Amenábar, sempre na procura da arelada versatilidade que diferenza a un gran director de cinema doutro mediocre que non fai outra cousa que autoplaxiarse.



Te puede interesar