Opinión

Os amos de América

Son os amos de Estados Unidos ou case. Teñen o poder para derrocar gobernos e curiosamente a súa figura para a opinión pública europea pasa case desapercibida. Son os irmáns Koch. Son catro, pero os que nos ocupan hoxe son dous: Charles e David. Este último, David, nado en Wichita, Arkansas, en 1940, é a sexta persona máis rica do mundo e xuntos comandan Koch Industries, o segundo maior conglomerado privado de empresas de Estados Unidos. A súa fortuna está baseada no petróleo e son donos de medio Texas, Alaska e Minessota. Ata aquí, resumida nun parágrafo, pode ser a historia do sono americano: fillos de emigrantes holandeses feitos a sí mesmos que levantaron un imperio no país das oportunidades. Pero isto é só o comenzo.

Consolidado o seu imperio, os Koch quixeron dar o salto á primeira liña política. En 1980, David presentábase ás eleccións coma futuro vicepresidente do Partido Libertario. Fracasou. Apenas sacaron un 1% dos votos nunhas eleccións que gañaría Ronald Reagan. O programa do Partido Libertario faría parecer comunista a boa parte da dereita europea actual: completa supresión do sistema de Sanidade Pública, eliminar o salario mínimo, abolir a axencia de Protección Ambiental, abolir a Axencia de Consumo, toda clase de protección ao menor… por citar só algunhas. Os Koch, como bos empresarios aprenderon do fracaso e atoparon o seu sitio na sombra.

Decatáronse axiña de que o seu lugar era financiar grupos de presión para influir na política americana: os famosos lobbies. Lobby, palabra herdada da política británica porque nos lobbies, nos corredores, era onde coincidían os Lores cos empresarios para influir os uns sobre os outros. Os lobbies en Estados Unidos son legais e tan poderosos como a NRA, a Asociación Nacional do Rifle, que coa súa ascendencia sobre o Partido Republicano (en inglés coñecido como G.O.P. Great Old Party) impide unha e outra vez calquera clase de recorte sobre a posesión de armas: neste 2015 -segundo o portal Shooter Tracking- houbo máis de 350 tiroteos masivos en USA.

O lobby “visible” dos Koch é o Tea Party, a ala de ultradereita do Partido Republicano. Os lobbies “invisibles” son as ducias de sociedades a través das que financian diferentes causas republicanas o que fai que a ruta do diñeiro sexa moi dificil de seguir.

As campañas políticas norteamericanas están baseadas en donacións de particulares e empresas (os famosos PAC e Superpac) o que fai que quen pon o diñeiro teña un inmenso poder sobre o discurso político. Por exemplo, os Koch gastan millóns de dólares ao ano en estudos para negar o cambio climático e poucos republicanos hai que se atrevan a admitir en público este fenómeno. Recapitulemos. Os Koch basean a súa fortuna no petróleo e os Koch financian estudios para negar o cambio climático…como se di nos Estados Unidos “do the maths”, fagan as contas.

Seu poder e tal que cos seus millóns lle arrebataron ao mesmísimo Obama o control do Senado e o Congreso nas eleccións de medio termo de 2014. A mensaxe contra o ObamaCare callou de tal maneira que deixou a Obama cun marxe manobra mínimo para o que lle queda de mandato.

En novembro haberá eleccións presidenciais. Cos demócratas fóra do control das dúas cámaras, podería parecer que os Koch están nunha situación ideal para devolver aos republicanos ao poder, pero incluso a eles hai un factor que se lles escapa: Donald Trump. Trump está a desestabilizar tanto a demócratas como aos propios republicanos.

Trump concentra agora mesmo máis apoio nas enquisas que o resto de candidatos republicanos xuntos…e este luns comeza a carreira coa asamblea, o caucus, de Iowa. Trump, Bernie Sanders, Hillary Clinton… moitas incógnitas. Gañe quen gañe a presidencia, demócrata ou republicano, entre toda esta incertidume hai só unha certeza: ao final os irmáns Koch estarán coma sempre agardando pacientemente para comezar de novo súa particular partida das sombras.

Te puede interesar