Opinión

Brooklyn en guerra: a Brigada Castelao

En 1938 Castelao encheu o parque Ulmer de Brooklyn, Nova York, nun discurso para a Historia. Os milleiros de galegos e non galegos alí presentes, escoitaron as súas proclamas antifascistas nas que reclamaba o apoio para as forzas leais xa da última república de Negrín. Este xoves 14 de abril, Donald Trump, de discurso homófobo e xenófobo -entre outras cousas- chegaba a Gran Mazá que o recibía con manifestantes protestando á porta do hotel. De ter sido coetáneos, Trump e Castelao, serían rivais irreconciliables.

Trump, como dicía, volveu a Nova York este 14 de abril. Para Trump, xoves. Para Castelao, o día da República. E como Castelao querería prantar batalla a Trump, tamén volveu a Nova York.

Contexto: Brooklyn College, alma mater de Bernie Sanders, o candidato de esquerdas rival de Hillary Clinton para as demócratas. O Brooklyn College é unha área reservada a librepensadores onde o vigués Alejandro Alonso é o máximo expoñente da cultura galega e das Hispánicas. Recolle a remuda de Eugenio Granell, histórico profesor desta institución durante máis de 20 anos, e de Ernesto Guerra da Cal.

Alonso, profesor da cátedra de Humanidades Matthew Fantaci, mergullouse nos arquivos do college (universidade) para construir unha exposición abraiante: “Brooklyn at war” (Brooklyn en guerra) onde se conta a historia de alumnos que se alistaron na “Brigada Abraham Lincoln” para viaxar ata España e loitar contra Franco e o auxe do fascismo en Europa… aínda cando seu propio país daquela se mantiña neutral. No 36 facían festas universitarias en Brooklyn para recadar cartos para a República. Alucinante.

Entre os poñentes de “Brooklyn at war” estaba James Fernández, profesor de NYU e autor do libro: “Os inmigrantes invisibles: os españois en EE.UU. entre (1868-1945)”. Fernández é unha enciclopedia vivinte da emigración e estivo por Galicia o ano pasado de xira con este libro. Sostén o profesor, con datos, crónicas e fotografías da época, que a Guerra Civil española non foi un “ensaio” da Segunda Guerra Mundial, senon que, a Guerra Mundial comezou de facto o 18 de xullo do 36 en España, e potencias como Estados Unidos só reaccionaron cando se viron ameazadas no seu territorio.

O mes pasado morreu o último supervivente da Brigada Lincoln, Delmer Berg, tiña 100 anos. John McCain, ex candidato republicano á presidencia dos Estados Unidos, lle adicou un artigo no New York Times. Isto é como se Carrillo lle tivera escrito un artigo de homenaxe ao último supervivente da División Azul…máis ou menos. 

Berg, foi un dos 3.000 americanos que se calcula loitaron no bando republicano na Guerra Civil española. Castelao fixo a guerra noutra fronte e noutra dirección; en Nova York e en moitas outras cidades dos Estados Unidos. A súa misión, máis que recrutar milicia, era conseguir cartos vitais para a causa. Nese ano, no 38, o Fronte Popular Antifascista Galego de Nova York lle edita “Milicianos”, seu traballo pictórico máis cru e escuro, misturando o debuxo con auténticos slogans como: “Non soterran cadáveres, soterran sementes”. Unha parte de “Milicianos” puidérona ver os neoiorquinos esta semana de novo. Pablo García-Martínez, galego de Arzúa, doutorando do Graduate Center, foi o encargado de traelo, xunto ao valenciano Renau e a outro dos nosos máis ilustres eisilados, Luis Seoane. 

Este “Brooklyn at war” é o preludio do segundo Simposio de Estudos Galegos que se vai celebrar esta vindeira semana en Michigan. A literatura e a cultura galegas a debate con expertos chegados desde Galicia, que se van misturar cos nosos profesores diseminados entre as mellores universidades do país: Princeton, Nova York, Texas Tech, Kansas, Michigan, Houston, California…en todos estes lugares temos profesores galegos. Eixes sobre os que crear unha rede de difusión da nosa cultura. Eles son os nosos voluntarios na revolta cultural para recuperar o terreo perdido fronte a invasión Marvel. Do “Batallón Literario da Costa Este” de Estados Unidos nace a Brigada Castelao. Longa vida, saúde e terra.

Te puede interesar