Opinión

O candidato imposible

Se a gobernabilidade de España parece un quebracabezas boten un ollo aos Estados Unidos, máis concretamente aos republicanos. Quedan tres na carreira presidencial: Trump, Cruz, e Kasich. Calquera que apostara hai un ano por un dos tres agora sería millonario. De Kasich o único interesante que queda por ver é en que momento vai abandonar. Por se a alguén lle interesa, é senador por Ohio, foi comentarista de Fox, e era dirixente de Lemhan Brother´s en Columbus (Ohio) cando estoupou o escándalo que puxo a economía mundial ao borde da quebra. Para ser xustos hai que dicir que isto último non lle impediría ser presidente. Luís de Guindos era membro do Consello Asesor de Lemhan Brother´s en Europa e iso non lle impediu ser ministro de Economía; e Mario Draghi, o presidente de BCE, por exemplo, traballaba para Goldman & Sachs. G&S, lembremos, foi a compañía clave na estafa do déficit grego -orixe da crise actual-. Agora Draghi é un dos encargados de amañar a crise provocada pola empresa da que era conselleiro. Non hai como coñecer un problema de primeira man para amañalo… de primarísima man nestes e máis casos.

Sigamos. Kasich caerá, como caeu Marco Rubio en Florida esta semana. O de Rubio tivo que doer. Minuto 90, xogas na casa, só vale gañar, só contra o porteiro e a mandas fóra...pois Rubio sacouna do estadio. Trump levou o 47% dos votos e Rubio o 27%. Acto seguido anunciou a súa retirada. Normal, e isto nos leva a Ted Cruz: de candidato imposible, pasou a ser improbable e agora mesmo…plausible. Por que Cruz segue “con vida” na carreira? Moi fácil: é o candidato máis parecido a Trump en canto ás políticas que propón pero dentro do organigrama do partido…aínda que, isto último, daquela maneira porque Cruz fala de opoñerse ao “establishment” de Washington como se el viñera doutra galaxia e non do D.C.

En todo caso, sí que é certo que a fulgurante carreira de Cruz como Senador estivo baseada en boa medida en meterlle o dedo no ollo a moitos dos seus colegas de asento na nobre cámara, colegas, ironías da vida, que serán fundamentais agora na súa elección. Iso por un lado. E polo outro, maldita a gracia que lles fai aos congresistas republicanos ter que apoiar a Ted Cruz...pero é que a outra opción é Trump. A elección non está en morrer, se non en como facelo: a navalla ou guillotina.

Trump e Cruz teñen moitas cousas en común entre eles, e con Marx, polo menos unha. Groucho, non Karl. O famoso: “Estes son meus principios, se non lles gustan, teño outros”. Exemplos. David Letterman entrevista a Donald Trump. Trump solta o seu discurso patriota de que a China é o inimigo e hai que traer de volta a produción a Estados Unidos para crear emprego. Letterman nese momento saca unhas garabatas da marca de roupa de Trump, e lle pregunta que lle parecen. Trump vende o produto. Letterman di: “Estupendo, miremos a etiqueta”… sorpresa, están feitas en China. Calquera se metería baixo a mesa. Trump lonxe de se amedrentar, segue e di que trasladará a produción a EE.UU. Non o fixo, por certo. Este é Trump.

Imos con Cruz. Ted estivo 21 horas seguidas falando diante do Congreso contra o Obamacare. En EE.UU existe a norma de que un congresista pode falar todo o tempo que queira (táctica do filibusteiro). Normalmente, úsase para bloquear unha proposta que ten un data límite para ser adoptada. Non importa do que fales no estrado o caso é que fales seguido. Cruz saltou á fama con isto… e uns meses despois chega o “momento Marx”. Nunha entrevista con Dana Bash na CNN, Cruz desvelou que se ía acoller temporalmente ao Obamacare mentres buscaba un seguro privado ante o asombro da xornalista que, oxiprática, tivo que repreguntar tres veces. Cruz era unha broma e cumpría o papel para o que estaba deseñado: ser un actor secundario ata que chegaran os candidatos de verdade. Pois agora o candidato é el, e as risas remataron. Os republicanos teñen que elixir entre un candidato imposible e outro improbable… “citádeme dicindo que me citaron mal”, G. Marx.

Te puede interesar