Opinión

O día no que Castro foi un Rolling Stone

Chámase Geovanni Leoncio García e está morto. Morreu no mar. As crónicas que case ninguén lee din que foi o pasado 19 de xaneiro. Pereceu nunha balsa intentado escapar de Cuba, e para ser exactos non morreu no mar, matárono no mar. A Geovanni matouno unha bala do servizo de Garda Costas de Armada dominicana cando interceptaron a balsa na que ía con 3 cubanos máis. As cifras, sempre inexactas, falan de 18.000 persoas mortas nos últimos 30 anos tentando saír de Cuba.

O 17 decembro de 2014, Barack Obama e Raúl Castro citáronse coa historia restablecendo relacións diplomáticas entre Washington e A Habana. Foi o principio da fin da última batalla da guerra fría. Obama é, xunto con Martin L. King, posiblemente o mellor orador da historia recente dos Estados Unidos e ese día pronunciou esta frase: “Non podemos esperar resultados diferentes se continuamos a facer o mesmo”. Obama recoñecía que o bloqueo de máis de 50 anos non provocara ningún efecto e que se querían que algo mudara en Cuba había que cambiar de estratexia.

Esta semana vivimos dous pasos históricos máis: Obama visitará a illa o mes que vén, 88 anos despois de que o fixera o último presidente norteamericano, Calvin Coolidge. E Cuba e USA acaban de asinar o restablecemento de voos comerciais…pero de ida. É dicir, os americanos poderán voar á illa sen restricións, o que non significa que os cubanos poidan saír do país libremente.

Esta é a parte que os republicanos e boa parte do exilio cubano lle critica a Obama. Acceder a comezar o diálogo sen impoñer condicións aos Castro para garantir dereitos humanos na illa.

A lectura que se fai desde o bando demócrata é que o Embargo non funcionou e que USA non pode interferir na política interna dos Estados no tocante as súas leis ou dereitos humanos, polo que non lle pode impoñer esas condicións aos Castro. Loable intención se non fora pola historia recente do país máis intervencionista do mundo en políticas alleas, desde Chile a Guatemala pasando por Irán… e non o esquezamos, España.

Pero Cuba e USA non estiveron sempre enfrontados. Ao revés. Aliáronse para botar a España en 1898. Nin sequera a chegada de Castro ao poder supuxo o comezo da inmediata inimizade, pero o intento da CIA de derrocalo en Baía Cochinos no 61, a crise dos mísiles rusos no 62 e a expropiación de terreos que moitos americanos adquiriran na segunda época de Fulgencio Batista acabou por dinamitar as relacións dos dous países.

Qué pasou entre o 1 de xaneiro de 1959 -o exilio forzado do ditador Batista- e o 15 de abril de 1961 en Baía Cochinos? Pois entre outras cousas que Fidel Castro visitou Nova York para asistir a Asemblea Xeral da ONU. Hai imaxes de Penn Station ateigada aclamando a un novísimo Castro. No 1959, en Nova York, Fidel Castro era un auténtico Rolling Stone, unha estrela… pero comunista. Iso queda patente na anécdota do Hotel Shelburne. Este hotel de Manhattan era onde se ían hospedar Castro e a súa delegación pero o dono, medorento da propaganda adversa, finalmente non aceptou a Castro. Rapidamente o Hotel Theresa en Harlem convidou ao comandante cubano e pasou así a formar parte da historia. Aí tiveron lugar as reunións de Castro con Nasser de Exipto, o indio Nerhu, o ruso Nikita Jruschov ou mesmo Malcom X.

Nesa época Fidel Castro era o liberador do pobo. O seu discurso falaba nese momento de democracia e eleccións en Cuba, de liberdade para os cubanos logo da época escura de Batista na que a illa era o casino para a mafia norteamericana…estamos en 1959.

Castro volvería a Nova York no 1995, xa en pleno Embargo, invitado no 50 Aniversario da ONU. Nesa visita o controvertido xornalista americano Mike Wallace espetoulle: “Eu entrevisteino a vostede en 1960, e…qué pasou? Qué pasou coa democracia, que pasou coas eleccións libres?” Castro respondeu: “Descubrimos outras fórmulas de democracia. Fórmulas máis honestas para que participe o pobo e descubrimos que eran mellores que as americanas”.

Paradoxalmente, dous fillos de emigrantes cubanos que pediron asilo nos Estados Unidos están agora na carreira á Casa Branca: Ted Cruz e Marco Rubio, e os dous son absolutamente contrarios ao fin do Embargo. Ven esta nova política como unha rendición ante os Castro.

Outro paradoxo. O sistema “democrático” do que fala Castro segue a abocar á morte no mar ás persoas que intentan fuxir do illa. Pola súa banda Cruz e Rubio son partidarios de multiplicar a forza na fronteira con México para impedir que os emigrantes poidan entrar nos Estados Unidos. Diferentes motivos e igual resultado: a morte do que, desesperado, intenta buscar un futuro mellor. Semella como se ao tocar o poder algúns “demócratas” se esqueceran de que chegaron onde están a través dese mar que todos navegaron ainda que en direccións opostas.

Te puede interesar