Opinión

Maria Ridulph, 1957: caso aberto

Meu irmán matou a esa nena, é a última vez que menciono isto a ninguén”. Este email a modo de ultimatum foi recibido polo FBI en 2008, e serviu para reabrir o caso sen resolver (cold case) máis famoso da historia dos Estados Unidos.

Sycamore (Illinois). O 3 de decembro de 1957, a pequena Maria Ridulph, de 7 anos, estaba a xogar na rúa preto da casa familiar coa súa amiga Kathy Sigman cando desapareceu. Era xusto despois do solpor, entre as 6:30 e as 7:00 da tarde. Acaba de comezar a nevar. Un rapaz “duns 20 anos” pasou por alí e se ofreceu a xogar con elas levándoas a cabaliño. Kathy tiña frío e entrou por roupa á casa. Maria quedou. Esa foi a última vez que viron con vida á cativa.

A desaparición de Maria pronto foi portada de tódolos xornais de tirada nacional. O FBI mandou 70 investigadores á zona na procura da nena desaparecida. O FBI, por certo, estaba dirixido por Edgar J. Hoover, seu fundador e personaxe tan escuro como omnipotente na historia recente dos Estados Unidos. Non houbo rastro dela ata que apareceu morta cinco meses despois.

A desaparición de Maria chegou ao propio presidente Eisenhower. Todo o país miraba conmocionado para o que ocorría na pequena vila de Sycamore e con todo, o caso quedou sen resolver. Os escasos indicios que podía haber apuntaban cara a John Tessier, veciño das nenas, pero tiña coartada. Seus país lle dixeron á policía que estaba con eles a noite do crime…Era mentira.

40 anos despois da morte da pequena, en 1997, o tenente da policía de Sycamore, Patrick Solar, deu o caso por pechado acusando William Henry Redmond, un camioneiro de Nebraska de ser o autor do asasinato. William Henry Redmond, tiña un longo historial delituoso e morrera cinco anos antes, así que era o asasino perfecto para cargarlle o caso. Expediente pechado.

Todo foi así ata 2008, cando a irmá de John Tessier (que nese momento xa se cambiara o nome polo de Jack McCullough) enviou un email ao FBI contando “por última vez” que súa nai lle confesara no leito de morte que seu fillo non estaba na casa aquela noite, e que era o asasino. Volta a empezar.

A policía detén a McCullough, que en 2012 tiña 73 anos. En base a esta nova confesión de súa irmá, que bota por terra a súa coartada, un xurado popular o atopa culpable condenándoo a cadea perpetua. Para toda a pequena vila de Sycamore el sempre fora o culpable e agora, 55 anos despois, quedaba demostrado. Así se pechaba o círculo e concluía o caso máis antigo sen resolver da historia dos Estados Unidos… Máis de 2.000 persoas en EEUU foron condenadas entre 1989 e 2012 sendo inocentes dos delitos dos que se lles acusaba, asasinatos incluídos, segundo o informe da Escola de Dereito da Univesidade de Michigan. Logo temos culpables famosos como O.J.Simpson ou Robert Durst que teñen que ser acusados cen veces ata ser declarados como o que son. A regra que di que se tes diñeiro é moito máis improbable que acabes entre reixas, tamén aplica nos Estados Unidos, non é só patrimonio español.

Non só é culpa dos xuíces, nin moito menos. Michael Morton, por exemplo, pasou 25 anos na cadea por asasinar a súa esposa. Algo que nunca fixo. A investigación posterior revelou que o fiscal do caso, que logo chegaría a xuíz, montou toda a historia ao seu redor para “gañar puntos” de cara á súa carreira xudicial. Anos despois -e xa como o venerable Mr. Anderson- cando se destapou a fraude, pasou 5 días no calabozo, pagou 500 dólares e viu como lle revocaban a licencia para exercer o dereito… e así queda zanxado o tema.

Volvemos a McCullough o “sinalado” asasino da pequena Maria. Súa nai mentira á policía para intentar protexelo. Non estaba na casa aquela noite como dixera súa nai… pero tampouco estaba en Sycamore. Estaba en Rockford, a 100 millas de Sycamore, e os seus avogados lograron demostralo o mes pasado, en pleno 2016.

Cunha orde xudicial comprobaron o rexistro de chamadas da compañía AT&T da noite do 3 de decembro de 1957, e efectivamente, ás 6:57 pm McCullough chamara á súa casa desde alí, o que fai imposible que puidera estar no lugar do crime á hora sinalada. Centos de documentos lle foron ocultados ou descartados polo xuíz tanto no 1957 coma no 2012, e só o labor tenaz dos seus avogados mergullando entre máis de 4.500 arquivos do FBI de hai case 60 anos, puideron probar que o caso sen pechar máis antigo da historia dos Estados Unidos, desgraciadamente para a familia da pequena Maria Ridulph, seguirá a ser un caso aberto. A parte boa e que Jack McCullough, pese a pasar 3 anos na cadea, non veu como o seu caso se perdeu na ringleira de sentencias erróneas que te condenan de por vida nos Estados Unidos. Este si. Caso pechado.

Te puede interesar