Opinión

A quen odia menos Estados Unidos?

Hillary Clinton gañou a carreira demócrata ás eleccións dos Estados Unidos. Quedan 109 delegados en liza e no voto popular Clinton avantaxa a Sanders por máis de 300. É dicir, que Clinton gañou coa axuda dos superdelegados (o voto do partido) pero tamén o vai facer en voto popular. En todo caso Sanders non se rende, e o que faga a partir de agora pode decidir quen é o futuro presidente dos Estados Unidos. Como? Explicamos.

O que é a vida. Obama perdeu o control do Congreso e o Senado nas eleccións de medio termo hai un ano e medio, mentres a súa popularidade caía en picado. Hoxe, tralo lamentable espectáculo dos novos aspirantes á Casa Branca, especialmente do bando republicano, a súa figura emerxe de novo como a dun político cabal e valorado. Outros virán que bo che farán, e neste caso nin sequera lles deu tempo a chegar.

Sanders non se retira, e non se vai retirar porque o que acadou sen un só dólar das grandes empresas é incrible, porque ten un enorme apoio popular e porque seguir na carreira ata a convención, fará que sexa o garante de que Hillary Clinton non torza o camiño cara a dereita. Se algo fixo Sanders nestas primarias foi obrigar a Clinton a torcer, a demostrar que era demócrata, a achegarse ás políticas de esquerda que defende Sanders saíndose do propio guión previsto. Ese será o legado de Sanders, audaz…pero agora mesmo envelenado. 
Do outro bando, incriblemente, Trump está acadando o respaldo do partido republicano. Paul Ryan, o xenro perfecto de América, o voceiro dos republicanos no Congreso, e ata hai pouco azote de Trump desde as filas do partido, acabou por darlle seu apoio nun dos “onde dixen digo digo Diego” máis escandalosos da historia. E todo para salvar a súa prometedora carreira dentro do partido. As tornas cambiaron. Dun lado agora temos un partido republicano que está a agruparse en torno a Trump e do outro a un demócrata que está dividido.

En principio isto non sería un gran problema para os de Obama se non fóra porque agora mesmo Hillary Clinton é a candidata demócrata con máis rexeitamento popular da historia… e o mesmo pasa con Trump. A pregunta das eleccións vai ser… a quen odias menos? A Clinton ou a Trump? E aí Sanders, a pesar de non ter opcións, pode facer moito dano.
Moitos dos votantes demócratas de Sanders odian a Clinton e aos valores que representa. Posiblemente ningún a odie tanto como para votar a Trump, pero desde logo si como para non ir votar. Do outro lado, aínda sendo Trump unha figura con maior rexeitamento popular, está a acadar o respaldo do partido, incluso dos que o criticaban ferozmente coma Ryan. A dereita está a unirse mentres que a esquerda está dividida.

Cal é o papel de Sanders? Descartando a retirada, pode facer dúas cousas. Unha: seguir presionando a Clinton para non ceder o terreo perdido que gañou ate o de agora. Problema: Clinton necesita atraer o voto dos republicanos moderados descontentos, e non o vai conseguir se Sanders segue a presionar. Unha cousa é ser republicano moderado e outra apoiar teses de Sanders, que aquí pensan que é comunista. E dúas: seguir, pero afrouxar as críticas -que o que fan é darlle combustible a Trump- e na convención expoñer os seus logros para acto seguido pedir o apoio a Clinton. Iste sería o escenario ideal demócrata, o máis lóxico politicamente, pero hai unha compoñente decisiva de orgullo de clase, de orgullo traballador na campaña de Sanders, que fai que non estea tan claro que vaia ser así. E aí entra Obama.

Estivo calado ate o de agora, so atacaba a Trump, pouco o nada dicía do seu partido, pero agora é o seu momento. Sabe que é unha figura respectada tanto por Sanders coma por Clinton e ten que coller as rendas e convencer a Sanders de que ten que unir, de que a batalla rematou.

Por certo, nas enquisas de cara á Casa Branca Trump-Clinton están dramaticamente preto. Persoalmente, non creo que gañe Trump, pero si é un primeiro e serio aviso. Miren a Marine Le Penn en Francia, ao Brexit do Reino Unido, Norbert Hofer en Austria…non hai que mirar a Estados Unidos con estrañeza, Trump está na nosa casa, moito máis preto do que imaxinamos.

Te puede interesar