Opinión

Quen teme a Donald Trump?

Donald Trump e Spiderman teñen máis cousas en común das que a priori podería parecer. Por exemplo, os dous foron a escola no mesmo barrio en Forrest Hill, en Queens, Nova York. De feito por aí tamén pasaron Os Ramones, Stan Lee -o creador do home arácnido- e mesmo Art Garfunkel. A pesar deste talento artístico no barrio, a biografía de Trump non fala de se tiña interese por estas materias…e se o rexeitaron da Academia de Belas Artes como a Hitler? Que lle pasou a Trump? Rexeitou un adolescente Joey Ramone a Trump na súa banda? Stan Lee non lle deixou as súas Plastidecor? Marxinouno Art Garfunkel e preferiu a Paul Simon, aínda por riba un tipo de New Jersey?  Non o sabemos. Outra das cousas que teñen en común Trump e Spiderman é que os dous son excelentes personaxes para unha película: o heroe e o vilán. O que pasa é que o vilán é o favorito agora mesmo para acadar a candidatura republicana á presidencia dos Estados Unidos. Ata aquí a broma.

Para explicar a Trump na nosa historia europea máis recente habería que ir a Francia no 2002, salvando as distancias. Nese ano, Jean-Marie Le Pen, de extrema dereita, acada a segunda volta dos comicios franceses ao deixar fóra ao socialista Lionel Jospin. Nese momento un calafrío percorre a espiña dorsal de Europa. Nesa segunda volta finalmente gañou Chirac. Era Chirac ou a pantasma da nosa historia bélica máis recente. Todo volveu a “normalidade” pero co susto no corpo e a semente do odio ao emigrante, entre outras cousas, enraizada na nosa cada vez máis desunida Unión Europea. Trump podería ser ese Le Pen que acade o nomeamento do partido republicano. Se chega ese momento o calafrío percorrería todo o mundo e, nun escenario normal, Trump debería perder ante o candidato demócrata. Pero hai un problema: a candidatura demócrata é feble. Está dividida entre Hilary Clinton, que se gaña será pola inercia do partido, e Bernie Sanders. Sanders sería un socialista moderado en Europa, o que pasa é que en Estados Unidos a esquerda está tan pouco desenvolvida que calquera cousa que soe a socialismo xa se ubica no comunismo radical. Con este panorama a dúbida queda no aire…e só a dúbida de que Trump poida ser presidente é para botarse a tremer. 

Desde o punto de vista europeo non entendemos, en xeral, os postulados contra os sistemas de saúde pública ou contra o control de armas, pero é que en Europa temos que decatarnos dunha cousa: ao americano medio non lle importa absolutamente nada o que faga Europa e por extensión tampouco aos seus candidatos. Tampouco nos fagamos cruces. Os europeos vivimos sen saber cal é a fronteira Este de Polonia, quen é o presidente do Parlamento Europeo ou que nesa fronteira Este de Polonia, que é Bielorusia, goberna o ditador Lukashenko ao que sistematicamente lle van “morrendo” os membros da oposición. E ao lado, en Ucraína, onde gañamos a Eurocopa hai catro anos, están guerra, por certo.

O americano o que quere é máis diñeiro no peto e liberdade para gastalo. Neste país falan de LIBERDADE, en maiúsculas, como se a inventaran eles. Repiten mantras aprendidos desde pequenos nas escolas, no himno, que moitos non se paran nunca a cuestionar. “Eu teño un arma e podo usala porque son libre para facelo”…logo a quen mates xa é outra cousa. Esta é a audiencia de Trump. Donald dixo esta semana: “Amo á xente sen estudios. Somos os máis listos, os máis leais”. Para empezar a frase é mentira porque Trump é graduado en Economía e Antropoloxía; e segundo, esta frase é moi representativa de como manipula. Quere identificarse co pobo, como un deles, cando non o é.

Trump apela á esencia dos americanos, a coraxe, a labrar o seu propio destino. Ofrece seguridade nas fronteiras e nas rúas, ofrece a volta aos valores, á pureza do soño americano, ofrece a fin de contas o seu concepto de lealdade …pero ollo, tamén demanda esa lealdade. Este discurso xa o escoitamos antes en Europa e non acabou ben. Que quen teme a Donald Trump? Hoxe todos deberíamos temer a Donald Trump. Non hai máis bromas.

Te puede interesar