Opinión

A última viaxe dos Warriors

Unha das cousas que chama a atención de Nova York é que sempre que fan algo é o máis grande da historia. Cada ano, por exemplo, temos a tormenta máis grande da historia. Este ano foi "Jonás”, a ver como se chama a do ano que vén. Váiselles gastar a palabra. Bo marketing en todo caso porque o resto do mundo compramos a nova. Pois ben, esta semana a policía levou a cabo a maior redada contra as bandas de rúa en toda a historia da cidade, e que rematou coa detención de 120 persoas.

O ano pasado cumpríronse 35 anos da estrea da película de culto “Warriors” (“Os amos da noite”). O filme arranca nunha xuntanza de todas as pandillas de Nova York no Bronx. Un asasinato precipita que “Os Warriors” teñan que fuxir do Bronx a fume de carozo atravesando Manhattan (Harlem, Central Park, Union Square) e Brooklyn ata chegar ao seu refuxio en Conney Island. Na película, en cada parte da cidade había unha banda rival que os esperaba para matalos, guiados sempre por unha emisora de música Soul que ía delatando a súa posición a través das ondas.

A viaxe dos “Warriors” hoxe en día tería sido moito máis pracenteira. Exceptuando o Bronx, o norte de Harlem ou zonas realmente alonxadas de Manhattan, as pandillas reduciron drasticamente a súa actividade nos últimos 20 anos. Un exemplo é Williamsburg. É o barrio de moda, berce dos hipsters e onde os alugueiros están igual o máis caros que en Manhattan. Pois fai 30 anos os taxistas non se atrevían a entrar alí.

Que fixo cambiar o panorama de Nova York? Dous factores. Un, a presión policial. O que pasa é que, en casos, a NYPD traspasou a legalidade coa famosa lei do “Stop and Frisk” (parada e cacheo). A lei non era nova -nace no xuízo de Terry vs. Ohio en 1965- pero foi rescatada e tomada como bandeira na loita contra o crime polo alcalde Bloomberg en 2002. O malo para Bloomberg é que a estatística non lle deu a razón, nin a el, nin a policía. Bloomberg deu carta branca aos axentes para “parar e cachear” a calquera na rúa…e o que pasou foi que ese “calquera” ao final foron: 60% negros, 30% latinos e 10% brancos. Digamos que a escolla estaba bastante sesgada. Así o viu tamén a xuíza da Corte Federal, Shira Scheindlin, quen a tenor das estatísticas, declarou inconstitucional e racista esta medida. En todo caso, o resto da actividade policial foi clave.

Segundo factor, moito máis sutil: o que chaman “gentrification” (o que supoño que en galego será “xentrificación”). Isto é: o proceso polo cal, a raíz da suba dos prezos dos alugueiros, as clases baixas teñen que mudarse a zonas da periferia, mentres que as clases con máis cuartos “repobran” o terreo. Así de cru e así de real. A viaxe dos “Warriors” hoxe en día tería sido máis sinxela porque a metade dos delincuentes que atopaban polo camiño xa non están aí, simplemente porque non o poden pagar. Esta é a parte boa. A parte mala é que milleiros de persoas que levaban toda a vida nos barrios -vivindo e traballando- tiveron que marchar, e cos seus escasos ingresos, agora a súa calidade de vida empeorou. Pasaron de ser clase media-baixa a baixa-supervivente. Para lograr iso Bloomberg deu carta branca aos caseiros para elevar os alugueiros. Outra das consecuencias? O prezo da vivenda (uns 3.000 dólares ao mes de media en Manhattan e parte de Brooklyn e Queens) é maior preocupación dos neoyorquinos e, o que é moito peor, segundo o último rexistro, en NYC non había tanto número de xente sen fogar desde a Gran Depresión. Xente que non se pode pagar un teito.

Na redada desta semana, nesa que é a maior da historia (contarían as da época da Lei Seca?), detiveron a asasinos e camelos de dúas bandas rivais os “2Fly Ygz” e os “Big Money Bosses” que tiñan aterrorizado ao Bronx. As autoridades sabían das súas actividades desde hai anos e actuaron agora. Ben, máis vale tarde ca nunca. Por certo o sur do Bronx está comezando a ser unha zona residencial moi cotizada…”Sobro” (South Bronx) lle chaman, en referencia ao manhanitta e exclusivo “Soho” (South Houston)…Acción policial unido a suba de alugueiros? A min esta película me quere soar. Os fillos dos Warriors mellor que queden en Conney Island esta vez.

Te puede interesar