Opinión

Son inocentes

A Audiencia ourensá ven de absolver, de xeito indiscutíbel, aos antigos tenentes de alcalde da cidade, Alexandre Sánchez Vidal e Andrés García Mata, xunto con outros concausados, no caso coñecido como o “dos paneis”. A absolución refírese á cualificación de suborno (e alternativa de tráfico de influencias), prevaricación e falsidade documental que mantiñan o Fiscal e o PP. A respecto do suborno a sentenza considera que as acusacións non foron quén de presentar a mínima pegada de ningúnha promesa económica dos empresarios aos políticos e funcionarios, limitándose a formular, en nidio abuso acusatorio, meras conxeturas. E o mesmo decide a sentenza a respecto do tráfico de influencias. A crítica da sentenza á capacidade de tecer meras cábalas e non hipóteses serias, por parte das acusacións, é evidente.

No que atinxe á suposta prevaricación a Audiencia determinou que, tanto o convenio asinado por Sánchez Vidal (que había ser aprobado definitivamente pola Xunta de Goberno Local) como o “visto e prace” á colocación das marquesinas por parte de García Mata como Concelleiro de Infraestruturas ( que só expresaba un acto de informe só referido ás necesidades do viario público e nunca a respecto da regularidade administrativa do expediente nin á conveniencia turística dos paneis), constitúen meros actos de trámite, nunca resolucións administrativas. No caso dos paneis non houbo nunca unha resolución administrativa e, xa que logo, non houbo prevaricación. Mais a Fiscalía e a acusación particular sabíano e, porén, acusaron por un delicto de comisión imposíbel, tendo en conta o grao de desenvolvemento do expediente administrativo.

A absolución das acusacións polo delicto continuado de falsidade documental é, asemade, categórica. Era evidente para as acusacións que as supostas incorreccións documentais non modificaron para nada a realidade xurídica, administrativa ou mercantil, polo que non podía existir delicto. Mesmo as acusacións nin se molestaron en precisar cal dos distintos tipos casuísticos do artigo 390 do Código Penal (que castiga as falsedades documentais) era o que podía abranguer a conduta dos acusados. Sinal inequívoca, a respecto deste delicto, da súa convicción “ex ante” da febleza e arbitrariedade da súa acusación.

A sentenza pode ser recorrida en casación perante a Sala do Penal do Tribunal Supremo. Mais as acusacións coñecen que a Alta Corte non pode revisar os feitos probados e que tampouco vai corrixir a aplicación do Dereito por parte da Audiencia, que só se inspirou na propia xurisprudencia do Tribunal Supremo. Xa que logo, non se albisca cál é a razón pola que o Fiscal Provincial siga a defender, a mantenta, a interposición dun recurso que sabe chamado ao fracaso. Porque confundir determinadas incorreccións administrativas coa comisión de tan graves delictos é impropio dunha tal Institución.

E rematamos coas preguntas que, de certo, todos vostedes estarán a se prantexar: Quén lles repara a estes cidadáns o dano causado ao seu creto e reputación? Quén lles vai pedir desculpas? Quén lles vai agradecer a súa solvencia democrática ao demitir no seu día para lle evitar prexuizos ao Concello, ao seu partido e á cidadanía?

Te puede interesar