Opinión

A voltas cos lumes

Non hai maneira. Chega o verán e xa estamos metidos nas lapas. Levamos varios días seguidos con lumes en Lobios, no entorno do poboado das Conchas, aquel “pantano” que veu inaugurar Franco no 49 con grande pompa e circunstancia: guerreiras, posturas altivas, chaquetas brancas impolutas do “Movemento” e gafas de sol para observar as facianas de carraxe contida dos “afogados” polo encoro. Pero quen será este desgraciado, esa alma magoada, ese amargado que pretende que o resto do mundo pague as súas miserias como para poñer lume un día como o do luns, ás tres da tarde, con preto de corenta graos, na forte pendente dun monte de piñeiros que se estende entre Ganceiros de Lobios e Parada de Ventosa de Muíños. Un dos traballadores tivo que ser trasladado por un golpe de calor, e inda menos mal, porque en Lugo un motobombista traballando en Ribas de Sil queimouse e a piques estivo de sucumbir.

As cousas nunca veñen soas. Por moi patético e lamentable que sexa non hai unha única razón para que o luns, por exemplo, se perdera un monte arborado e unha das fermosas paraxes que acompañan o camiño de San Rosendo no seu longo percorrido entre a fronteira da Portela do Home, Celanova e a cidade de Ourense. Que pensarán de nós os poucos turistas que por alí pasen este verán para visitar o campamento romano de Aquis querquennis, a xoia de Santa Comba de Bande, os baños de Río Caldo ou os miliarios da Vía Nova?... Co que nos custa atraelos. Seguramente que somos uns bárbaros, uns salvaxes, porque só un pobo abstraído, atormentado, afundido na renuncia pode poñer mil lumes ao ano para queimar o seu propio patrimonio sen que ninguén denuncie nin dea o menor indicio de quen poden ser estes foraxidos da Natureza. Padecemos unha indiferencia crónica fronte a todo o que pasa de portas pra fóra da nosa casa, produto da ignorancia, do despoboamento, da falla de oportunidades, de ter as rendas e as pensións máis baixas de España, dos achaques e mil enfermidades que como unha peste bubónica abátense sobre unha das poboacións máis envellecidas do mundo, observando impávidos con ollos acuosos e unha mestura de resignación e impotencia como os netos abandonan o pais. Hai poucos días La Región recollía as inquedanzas de varios colectivos da Baixa Limia sobre o lamentable estado que presentaba o camiño de San Rosendo nalgúns tramos, e meu amigo Toño Monteiro laiábase de que era un perigo para os usuarios, sobre todo para os cicloturistas, e de que se viña un incendio os medios de extinción non poderían actuar. Pois ben: o incendio xa chegou, o monte ardeu e o camiño segue sen arranxar. Descoñezo as circunstancias e se o acceso era vital para extinguir o incendio, pero o que si é certo é que ou turramos todos da mesma corda, nos preocupamos de reordenar e repensar este país, de protexer e manter o que temos e o que nos deixaron de bo, fuximos das proclamas e anuncios vans que saen diariamente dos despachos, esiximos a quen corresponda a execución de proxectos concretos e realistas, ou este país vai ao tacho. Por exemplo: que pasa coa declaración pola Unesco da Vía Nova como patrimonio da humanidade que tantos anos se leva anunciando? E outra: noraboa aos alcaldes de Celanova, Bande e Verea por poñer en marcha unha iniciativa forestal na comarca, porque dende o Monte da Neve de Celanova ata a raia portuguesa con Castro Laboreiro hai miles e miles de hectáreas ermas que só producen toxos e carqueixas, e xa sabemos o destino que lles espera.

Te puede interesar