Opinión

Artista e intrusos

Entre os ensaios e as gravacións de “Bamboleo” aproveito moitas veces para falar distendidamente con algúns dos artistas que nos visitan, e non son poucos os que se queixan do panorama musical do País, onde apenas se venden discos e as galas saen en contadas ocasións, e cando saen teñen que facelas a un prezo que nada ten que ver con aqueles tempos onde os concellos tiraban a casa pola xanela, mal afacéndonos ao “todo gratis”. Agora, cando se nos pide que paguemos unha entrada para gozar da cultura ou do divertimento atopámonos con auditorios semivacíos e con queixas continuas protagonizadas moitas veces polos que deixan de ir ao cine ou ao teatro polo seu prezo “abusivo”, aínda que paradóxicamente paguen sen rechistar seis euros por un gin-tonic. Desta queima sálvanse algúns espectáculos de ton humorístico protagonizados por personaxes ben coñecidos do medio televisivo; actores, actrices, cantantes ou cómicos que xa non cuestionan se o seu producto é “humor intelixente” ou simplemente humor, se as súas cancións saen do fondo do corazón ou son concibidas para chegar a cantos máis mellor. Como me dixo recentemente alguén que cambiou por completo o seu rexistro actoral, “hai que comer amigo Piñeiro”. Triste realidade, pero realidade á fin e ao cabo.

Por se fora pouco, moitas das discotecas e salas de festas que antes contrataban cantantes ou grupos, agora prefiren ter como reclamo de fin de semana un “photocall” para que toda a concorrencia se poda fotografar ao lado desoutros “cantantes” que teñen como gran mérito na vida soltar tacos, dicir frases inconexas ou manter conversacións de baixo ventre en “realitys” televisivos, que por certo, non nos enganemos, son os programas máis vistos, aínda que a maioría da xente sigao negando e afirmen ser adictos a “Saber y Ganar” ou aos documentáis de La2.

Aos verdadeiros artistas, que conseguen malamente colarse nalgún deses programas de maior audiencia, soamente se lles permite cantar durante un par de minutos, porque ao parecer iso non lle interesa a ninguén; deles prefírese saber a marca de calzoncillos ou bragas que usan antes que coñecer a súa aposta musical, ou saber con quen comparte cama antes que o estilo do seu novo disco. Por iso, cando algún deles ten a sorte de ser contratado polos escasos programas onde se prima a música e o oficio, acoden dispostos a dalo todo e a implicarse no que faga falta; e cando se van, todos coinciden en afirmar que “xa non quedan programas así”, onde poder cantar e promocionarse. Porque o das redes sociais está moi ben, pero unha actuación en televisión segue significando chegar de golpe a millóns de espectadores e normalmente tradúcese na contratación de galas e concertos.

En Galicia aínda seguimos sendo unha honrosa excepción, onde os telespectadores valoran aos nosos artistas e danlle liderazgos de audiencia aos programas que os promocionan. Ogallá que esa xente máis nova que acode ás salas de festas comece a distinguir aos verdadeiros artistas dos espécimes que viven do conto, do mal conto; porque para “contacontos”, e dos bos, os nosos.
 

Te puede interesar