Opinión

Do Tâmega ao ceo

Cheguei xusto a tempo a Ourense para disfrutar do magnífico concerto da gran María do Ceo acompañada pola Banda de Música Municipal. Non podía rematar o día doutro xeito, xa que eu viña de Amarante, cidade portuguesa do distrito do Porto e da subrexión do Tâmega. E sobre este río, galego de nacemento que recolle as augas do monte Talariño, de Laza, Verín, Monterrei, Castrelo do Val e Oimbra, decidín darme unha homenaxe de natureza, relax e merenda, declinando a tamén tentativa oferta do té inglés no Hotel Casa da Calçada & Chateaux que me quedaba ó ladiño, pero o río é sempre máis pracenteiro e as vistas cara a Ponte e a Igrexa e Convento de Sâo Gonçalo conforman un espectáculo que non se pode perder nesta localidade lusa, berce de futbolistas internacionais como Nuno Gomes e Ricardo Carvalho ou grandes fadistas como Ana Moura, unha cantora da que recomendo o seu último traballo "Desfado", cuxo video promocional é toda unha beleza.

Como ven, o dia e a noite non puideron ser máis internacionais e máis galaico-portugueses, con ríos e cancións que tanto nos unen. Un río, o Támega, agora con acento galego, do que quixen ver a súa desembocadura no Douro nas terras de "Entre-os-Rios", ata onde chegan moitos dos barcos turísticos da cidade do Porto, e a onde eu cheguei polas antigas e sinuosas estradas nacionais, parando en multitude de fermosos lugares para, entre outras cousas, mercar as riquísimas cereixas de Resende. Está claro que para ver mundo e coñecer ás xentes hai que sairse das autopistas e viaxar de vagariño por onde transcorre a vida. E como eu son moi organizado e programado aproveitei a viaxe sen presas para deixarme acompañar, ademáis de polas fadistas xa citadas, polas músicas de Amália Rodrigues, Zeca Afonso e os xa míticos Madredeus, coa voz inesquencible de Teresa Salgueiro.

Tampouco quixen deixar de visitar a localidade de Penafiel para probar os seus "bolinhos do amor" e divisar desde o alto do Santuario do Sameiro toda a beleza que acubilla a grande extensión da ruta do románico. E por se algo faltaba neste día de irmandade galaico-portuguesa, dicir que Penafiel, ao igual que Ourense, é unha cidade termal. Como ven, xa soamente me quedaba chegar a tempo para acomodarme nunha terraza da Praza Maior e disfrutar coas cancións raianas desta muller "ouro en pano", que leva orgullosa o nome de Ourense por onde queira que vaia, e que o mesmo recrea a "María la Portuguesa" de Carlos Cano ou nos leva de viaxe musical ata Viana ou Coimbra, que nos emociona coas súa versións únicas de "Lela" ou "Negra Sombra", para rematar facéndonos bailar coas músicas máis populares dun lado e do outro da raia, a golpe de "Orvalhadas orvalheiras" ou "Ai María", sen esquencer nunca as marabillosas composicións que para ela fai o amigo Armando González como "A menina das calças pardas"

Sorte a miña, xa que por ser festivo o San Xoan en Compostela cambiáronme o día de gravación televisivo e puiden vivir unha das noites máxicas protagonizada pola profeta na súa terra, María do Ceo, nas Festas de Ourense.

Te puede interesar