Opinión

IMPLICAR

Xa postos a probar cousas, podemos comezar a concienciar ós máis novos de que o que ata agora era 'botar por fora' estase convertendo nun 'coidar o que temos'; máis que nada porque non sabemos se unha vez perdido poderemos recuperalo de novo. ¿A que me estou referindo?, pois a algo tan sinxelo como o de coidar o patrimonio común e as cousas de disfrute colectivo.


Xa lles contei hai anos o moito que me chamara a atención o patrocinio dalgúns animáis do Zoo de Barcelona por diversas firmas comerciáis, incluída a do glamuroso crocodilo; pois ben, ¿non sería interesante que empezásemos a esponsorizar xardíns, estatuas, parques ou patos por parte de colectivos de rapaces, e non tan rapaces, facéndolles sentir como propio o que doutro xeito soamente ven como algo colocado polo Concello cos cartos de non se sabe moi ben quen?


Non me chamen inxenuo, xa sei que isto non fará desaparecer da noite para a mañá o vandalismo tan propio dunha sociedade que chegou a crer que as cousas caían do ceo cal maná bíblico, e que se eran roubadas ou mutiladas, volvían reaparecer intactas sen que pasase absolutamente nada; pero estou convencido de que empezando por algo tan sinxelo como facerlle sentir a un neno que os patos do Xardín do Posío ou do Parque de Castrelos son copropiedade súa, as cousas irían mellorando. Non ignoro que hai moitos profesores que á súa maneira xa veñen facendo este labor desde hai anos, pero posiblemente se precise unha implicación máis profunda por parte dos que administran os bens públicos. Cousas tan sinxelas coma permitir que de cando en vez poidan axudar ós coidadores na limpeza e na alimentación dos animáis ou incitalos a visitar cada pouco tempo as árbores que con ilusión prantaron no seu día conmemorativo, fará que se sintan máis protagonistas e responsables.


Pero non me quedo soamente coa infancia, penso que aínda é máis importante potenciar estas iniciativas neses idades complicadas onde chimparlle a cabeza á estatua de turno está á orde do día despois dunha noite de botellón. Non dubido que pedagóxicamente se deba actuar sempre en positivo, como implicar á xente nova na limpeza das beiras dos ríos ou no vernizado do banco que utilizan cada tarde para intercambiarse bicos e WhatsApp; pero cando os acontecementos traspasan esa liña que sen a axuda de alcoles perralleiros ou pírulas multicores nunca traspasarían, nada mellor que aplicar a medicina do correctivo exemplarizante; isto é, se lle pareceu bonito naquela 'confundida' madrugada baleirar un bote de spray sobre o románico que pervivíu a través dos séculos superando analfabetismos, pestes, guerras e fenómenos meteorolóxicos adversos, nada mellor para reconcilialo coa historia que facelo participar activamente na dificultosa limpeza da pintada coa que pretendía deixar para a posteridade o pensamento filosófico saído dunha botella de whisky de garrafón. E para todos os que cren que os soportáis do casco vello son para utilizalos de váter ó aire libre, nada mellor que incorporalos de becarios ó servizo de limpeza matutina para que, mangueira en man, tomen conciencia de que os domingos tamén hai un montón de xente que quere disfrutar do paseo polas mesmas rúas e as mesmas prazas que, antes de seren convertidas en cloacas nocturnas, foron orgullo e exemplo de rehabilitación urbanística.


Hai demasiado medo en incomodar a unha xeneración que hoxe máis ca nunca anda perdida e á que lle veu dado case todo sen que ninguén lle explicase de onde saía.

Te puede interesar