Opinión

Libros electrónicos

Tardei tempo en incorporarme a toda a lexión de lectores que no seu día abrazaron o libro electrónico, no meu descargo direi que fíxeno case que obrigado por prescrición facultativa, ao non poder introducir papel na habitación hospitalaria de aillamento na que estiven para ir mantendo o mieloma a raia. E vale, non está mal, é cómodo para ler na cama e sobre todo é idóneo para os que temos as casas cheas de estanterías ateigadas de novelas, ensaios ou biografías. Os pisos dan para o que dan, e o mesmo que os constructores ás veces pensan que os armarios son para “barbies”, onde non cabe nada, os espazos non están moi deseñados para albergar demasiada sabedoría. Parece que é suficiente con deixar un gran oco para a pantalla dese “gran hermano” de moitas polgadas que rexe as nosas vidas.

Pero volvamos ao libro, que é o que nos trae hoxe aquí, ese amigo inseparable que como mal lector acompáñame todas as noites antes de apagar a luz e recuperar en forma de podcast os programas de noticias e tertulias políticas que gusto de escoitar no móbil antes de quedar durmido, e que me segue falando toda a noite aínda que eu non lle faga caso, ou mesture a voz dos seus locutores con algún soño máis ou menos disparatado.

É verdade que o libro electrónico é moi cómodo e fácil de ler, e máis para os que usamos lentes multifocais e lemos recostados contra a cabeceira da cama, pero eu, que queren que lles diga, sigo botando de menos o arrecendo a papel impreso e ir pasando páxina a páxina; por iso sigo sendo fiel á lectura dos periódicos mentres almorzo, sexa na casa ou na cafetería. É un dos momentos máis placenteiros do día ao que lle dedico un tempiño considerable, con especial dedicación os mércores cando chega o “Hola” recén saído do forno. Que lle imos facer, uns “culturízanse” a base de “botas de ouro” empapándose en “marcas” e “ases”, e outros facémolo examinando o photoshop que lle aplican a Isabel Preysler cando se deixa ver en exclusiva co nobel de turno. Cuestión de gustos.

E mentres isto escribo miro para a estantería e vexo as carátulas de “Mujercísimas” de Terenci Moix, “As rulas de Bakunin” de Riveiro Coello, “As palabras da néboa” de Francisco Castro, a carpeta de serigrafías de Antón Pulido” ou a obra completa de “Quessada”, entre moitos outros volumes; e confeso que non queda espazo para poñer nada máis, mesmo retirando toda a cacharrada de obxectos de viaxes que vas acumulando ao longo da vida. Pero algo terei que facer, porque o certo é que cada día o corpo estame pedindo máis ir pasar un tempiño á librería, para volver ler detidamente as contraportadas deixándome sorprender por algún descubrimento intuitivo que me prace enormemente; á parte de facerlle os honores a algunhas obras que teño en carteira desde hai algún tempo como a “Malaherba” de Manuel Jabois.

 Bén é certo que non pasaría nada se algún día me dá a arroutada de brindarlle unha segunda oportunidade a todos os exemplares que me acompañan na casa e, dada a miña mamoria de peixe, volver gozar coa súa lectura. Non sabería por cal recomezar, ou sí, porque “El Nombre de la Rosa” de Umberto Eco fíxome trasnoitar moito ata que o rematei naquel piso do barrio da Cuña nos felices tempos de Ourense.

Te puede interesar