Opinión

MAFALDA

Entre os de cabeceira de turno hai un libro que sempre teño á man por se hai que sacarlle algún sorriso de última hora a unha xornada parca en alegrías. Trátase dun fermoso agasallo que alguén ben querido me fixera por algún cumpreanos de hai xa un tempiño, coa dedicatoria '¡Mafalda ha muerto! ¡Vivan los niños cursis herederos de Mafalda!', e engadía 'deliciosamente cursis'.


Nestes días nos que desexamos celebrar os cincuenta anos da nena repipi arxentina, vai o seu 'pai' Quino e dinos que non, que temos que agardar ata setembro do ano 2014; e nós non lle facemos nin caso porque nestes tempos estamos fartos de esperar por todo, e tal como está o panorama o que queremos é reler aquelas marabillosas viñetas nas que Mafalda mandaba parar o mundo porque quería baixar del, e solidarizarnos có Miguelito que dicía 'lo que quiero que me salga bien es la vida'.


Eu teño que recoñecer que descubrín a todos estes personaxes na xuventude xa tardía, porque a miña nenez nutríuse fundamentalmente do Capitán Trueno, El Jabato, Carpanta ou Zipi y Zape; aínda que sen sabelo xa estivera íntimamente ligado a Mafaldita compartindo odio ancestral á sopa, aínda que na súa versión máis nacional popular, o tantas veces sorbido con bágoas de crocodilo caldo galego. Pero unha vez descubertos non puiden deixar de incorporalos cada certo tempo á miña vida diaria. Hoxe máis ca nunca algunha das frases lapidarias saídas da boca de Miguelito ou Guille hai xa varias décadas pódense aplicar ó día a día que nos toca vivir; e Susanitas e Manolitos hai dabondo ó noso arredor para darnos conta de como a historia vaise repetindo cada certo tempo.


Alguén definíu a Quino coma un amargado cun pingo de esperanza, cousa que non lle disgustou demasiado, aínda que el prefira sentirse coma un loitador da liberdade, esa coa que el bautizou a unha das súas personaxes e da que afirma que non soamente hai que desexar a que teñen que darche os demáis, senón a liberdade que cada quen ten que concederse a sí mesmo. Mafalda foi todo un tratado político da época sobre a que reflexionaría, en primeiro lugar, unha Lationamérica asfixiada polas dictaduras, e posteriormente o resto do mundo que coma o noso tamén deso sabía bastante. Desde o punto de vista dunha nena criada nunha familia de clase acomodada arxentina, Quino sacounos sorrisos e cores das nosas propias miserias humanas; dentro das familias, na rúa, no colexio, nas vacacións ou na relación co mundo mundial. E hoxe, case medio século despois, por desgracia aínda esta nena e os seus amigos son quen de colocarnos diante da cara frases que ben poderían ser escritas onte mesmo; para mostra tres pequenos botóns: Mafalda: 'Me pregunto si la vida moderna no estará teniendo más de moderna que de vida'. Miguelito vendo a tele: 'Parece que si primero te pones desodorante, luego comes salchichas y después te compras un lavarropas, tienes que ser muy tarado para no ser feliz'. Ou a tremenda Susanita: '¿Quiénes dirán que cosas de quienes sin que una pueda enterarse, maldita sea?'.


Aínda que de todas as viñetas publicadas por Quino cadaquén puidera elexir a súa, como as de 'No es que no haya bondad, lo que pasa es que está de incógnito', ou esoutra de 'No es cierto que todo tiempo pasado fue mejor, lo que pasaba era que los que todavía estaban peor aún no se habían dado cuenta'; eu quedaría sempre con esa imaxe na que Mafalda mira para unha 'tirita' que ten nas mans e di: 'Bueno, y ¿cómo hace uno para pegarse esto en el alma?'

Te puede interesar