Opinión

O necesario protocolo

Este xoves achegueime a Ourense para, entre outras cousas, darlle unha aperta ao meu amigo Juan José Feijóo, Delegado da A.E. de Protocolo e Director de “Global Eventos”, e para falar da miña colaboración no Curso de Protocolo que a UNED vai levar a cabo no mes de maio. Fágoo encantado porque sei que estando Juanjo na organización todo sairá perfecto, e tamén o fago porque se hai algunha persoa á que lle estou eternamente agradecido é a el, porque, como sempre digo, cando eu gañaba os entrañables Festivais da Canción Misioneira tratábame nas páxinas de La Región como se viñera de triunfar no mesmiño Festival de Eurovisión. Logo serían moitas veces as que que me abriría as portas de Radio Popular, xunto a aquel magnífico equipo de Ramón Blanco, Nora Sola, Mari Luz Villar, Alberto Fernández e un moi xoven e entusiasta Vidal López, para entrevistarme e para deixar que me fora curtindo no marabilloso mundo das ondas.

Pero nesta conversa de café de tarde falamos sobre todo de como se deben organizar actos, das nosas experiencias ao respecto e de como todo un gran traballo previo se pode ir ao garete por fallos elementais de protocolo e relacións públicas. Non son poucas as veces que me teñen convidado a exercer de mestre de cirimonias de actos de todo tipo, uns lúdicos e outros máis formais, nos que remato oficiando de axudante de producción para que todo saia máis ou menos ben, tendo sempre moi en conta ás persoas, de maior ou menor relevancia social, para que en todo momento se sintan a gusto, ocupen o lugar que lles corresponde e disfruten do acto ou do espectáculo. Como digo eu sempre, non se pode estar dicindo a misa e repicando as campás ao mesmo tempo, hai que saber delegar en equipos que saiban facer o seu traballo, pero tamén hai momentos e situacións nas que non se pode delegar en ninguén.

Normalmente as entregas de premios adoitan ser un desastre, porque na maioría das ocasións ninguén sabe como acceder e como situarse no escenario, e sobre todo ninguén sabe cando ten que abandonalo, ou cando debe ocupar un segundo plano dando protagonismo a quen debe telo nese momento. Iso sí, xa gañamos algo nos últimos anos en canto á vestimenta coa que se debe acudir a determinados actos; recordo a miña loita nos primeiros tempos televisivos e radiofónicos para que os actores e actrices foran “de gala” ás entregas de premios; daquelas non eras revolucionario se non ías lucindo unha camiseta con dez mil lavados e uns vaqueiros que xa viviran mellores tempos; hoxe só fai falta ver como se acode aos “Goya” ou aos “María Casares” para comprobar como cambiaron as cousas, e como a min non me faltaba razón. Ata hai líderes políticos que aínda que vaian visitar ao Xefe do Estado en mangas de camisa, saben enfundarse o seu mellor smoking para ocupar un lugar preferente na noite de máis “glamour” do cine español.

No noso mundiño mediático eran moitas as persoas que vían esto do “protocolo” como algo do pasado con cheiro a naftalina, hoxe a maioría xa sabe que dunha boa organización e dunha boa posta en escea, tanto no escenario como no patio de butacas, depende o éxito do evento.

Te puede interesar