Opinión

Salvador Beltrán

Canto me alegro por este xoven artista que estará en “Bamboleo” esta noite para cantarnos algunhas cancións. Salvador Beltrán foi seleccionado para competir no Festival Internacional de Viña del Mar, un dos poucos festivais que despois de 58 anos segue gozando  dun gran prestixio en todo o continente americano. Moitísimos dos que  son alguén no mundo da música ao outro lado do Atlántico pasaron polo anfiteatro da “Quinta Vergara” desa turística cidade chilena, onde a nosa Lucía Pérez brillou con luz propia. A maioría dos artistas de renome concursaron nalgunha das súas ediciones e moitos deles volveron sendo xa estrelas consagradas. Sen ir máis lonxe na edición deste 2017 pasarán polo seu escenario Olivia Newton-John, Américo, Isabel Pantoja, Maluma, J Balvin, Sin Bandera, Los Fabulosos Cadillacs, Camila, etc; grandes artistas que fan que Viña siga sendo un punto de referencia no mundo musical latino, ao igual que San Remo segue sendo o entrañable festival por onde gusta de pasar todo o mundo, sexa na fase de competición para os máis noveles ou sexa como artista convidado. Para os italianos é máis importante que Eurovisión, según demostran cada ano os datos de audiencia televisiva, e todos os grandes intérpretes cantaron nel, desde Albano, Gigliola Cinquetti ou Umberto Tozzi ata Il Volo, Eros Ramazzotti ou Laura Pausini, entre moitísimos outros ben coñecidos polo público de España, un público por certo que case sempre dá as mellores puntuacións no Festival de Eurovisión aos representantes dese País, aínda que non sempre recibamos a mesma resposta por parte do seu público.

Eu agardo que o xurado internacional sexa este ano ben xeneroso con Salvador Beltrán, o noso representante en Viña del Mar, porque é un excelente artista, ten unha gran voz, descuberta e apoiada por Alejandro Sanz, e porque ten postas todas as ilusións do mundo en gustar e en facerse un oco importante, e merecido, entre os grandes intérpretes da música en español. 

Eu coñecín a Salva hai uns anos cando veu por primeira vez ao programa acompañado da cantante Merche e co seu primeiro premio debaixo do brazo, o que lle outorgara Cadena Dial ao mellor artista revelación do 2012; con Merche gravaría o tema “Por si vienes” e con India Martínez colaborou en “La Estrella de Navidad”; tamén gravou co gran Franco de Vita e con Adrián Martín, o marabilloso neno con hidrocefalia que nos emociona cada vez que o escoitamos e o vemos aparecer en televisión, e que mesmo estivo a piques de gañar un Premio Grammy.

Faltoulle pouco a Salvador Beltrán para poder saborear o mel de representar a España no Festival de Eurovisión do ano pasado, algo que sí pudo facer a estupenda Barei, pero a Salva ninguén lle pode quitar xa o orgullo de que nesa preselección de TVE fose o candidato máis votado polo xurado internacional. Ogallá lle volva suceder o mesmo a finais de febreiro cando compita pola “Gaivota de Prata” en Viña del Mar coa canción “Donde estabas tu”, unha fermosa balada da súa autoría e da que esta noite nos ofrecerá un adianto en rigoroso directo, acompañado no piano polo mestre Javier Varela. Será todo un luxo. 

Te puede interesar