Manuel Seoane, máis alá das lendas
A Raíña Loba é o nome do libro de Manuel Seoane que acaba de ver a luz. Trátase da terceira entrega de libriños destinados ao público infantil que edita o Centro Popular da Limia, en colaboración coa Deputación de Ourense e o Museo da Limia, na súa área de publicacións e que ten na Revista Lethes, con máis de 20 anos de historia, un referente. Unha lenda que merece a pena ser descuberta ou redescuberta para que as novas xeracións a sigan perdurando no tempo.
A Raíña Loba é o novo libro de Manuel Seoane. Trátase da terceira entrega de libriños destinados ao público infantil que edita o Centro Popular da Limia, en colaboración coa Deputación de Ourense e o Museo da Limia, na súa área de publicacións e que ten na Revista Lethes, con máis de 20 anos de historia, un referente. Unha lenda que merece a pena ser descuberta ou redescuberta para que as novas xeracións a sigan perdurando no tempo.
Neste libro narra a lenda da Raíña Loba na Limia. Fálenos dela.
Dicíase que pola zona de Covas e arredores, Os Blancos, vivía nun castelo un ser medio loba medio muller, moi tirana que, cada día, se alimentaba dunha vaca que os veciños da contorna lle tiñan que levar diariamente. Todo o mal que facía e o temor que espertaba entre todos, acabou por facer que os pobos se unisen para acabar con ela.
Con todo, e pese a dureza da lenda, o conto está orientado á cativada da casa.
Efectivamente, trátase dun pequeno libro para os nenos e nenas que se suma á colección do Centro de Cultura Popular do Limia. Tras a publicación da lenda sobre a Lagoa da Antela e o paso do río Lethes, este é o terceiro.
Foi difícil escribir para os pequenos e pequenas da casa?
Para mín moito, xa que eu non tiña experiencia ningunha … eu so escribo as veces textos relacionados coa arquitectura e o deseño. Con todo, creo que o máis complicado vén derivado da cantidade de versións que se atopan da lenda; así se un conta unha delas, sempre hai quen opina que non está ben contada. Por iso no libro o que tentei foi que non houbese unha soa versión, senón ir contando paralelamente dúas versión diferentes.
Ao fío desto, a mesma lenda repítese en diferentes lugares.
A lenda da Raíña Lupa, a Raíña Loba, concretamente, está moi estendida en moitos sitios de Galicia e incluso de fóra. Cousa que pasa con todas as lendas de tesouros, mouros, lagoas encantadas … A versión que eu narro da Raíña Loba está máis arraigada na zona da Limia, e, con todo, en cada pobo cóntase á súa maneira. Eu plasmeina como ma contaron a min cando era neno en Laroá.
Que lembranza ten desa nenez que, imaxino, a o carón do lume contando historias.
Efectivamente. E algo que tamén aparece no libro. Lembro que ma contou Pancho, un veciño en Laroá, nunha noitiña ao carón dun magosto. Eu tería seis ou sete anos e deixoume atemorizado. Imaxínate! Co medo que daquela lle tiña ao lobo e contarme que había un ser metade loba, metade muller. Pero tamén moi impresionado, incluso un día me levou a visitar a zona onde supostamente vivía. E foi a semente que fixo que acabase por publicar este libriño.
O libro, ademais, conta con fermosas ilustracións.
Nun conto infantil son case esenciais para poder captar a súa atención. Mesmamente eu, dos primeiros libros que lin, recordo máis as imaxes que os textos en si. Neste caso contei coa colaboración de Moisés Míguez, orientado polos seus profesores da Escola de Arte Antón Faílde, Carmen Lage e Luis Carreira, que soubo acompañar a lectura das imaxes necesarias para guiar tamén visualmente o desenrolo da lenda. Dicir que o deseño e maquetación foi cousa de Tonho Ferreiro, tamén profesor na Faílde.
Que se pretende coa publicación?
Son lendas que teñen a suficiente forza e importancia na tradición oral da Limia que a idea é contarllas aos pequerrechos e que eles as sigan contando para que nunca desaparezan.
Con Xosé Badás impulsor e motor do Centro de Cultura Popular da Limia.
Lenda e tradición son o mesmo? Diferentes? Ou teñen un punto de fusión?
A lenda é un momento moi puntual da tradición. A tradición ten moitas máis manifestacións, entre elas a rica literatura oral que se vai transmitindo entre xeracións. E as lendas sempre se refiren a algún feito histórico, ou algún fito xeográfico, mítico … que dalgún modo foi saíndo da xente, e se foi transmitindo con ese poder de maxia que sempre está presente nelas.
Despois hai un momento no que, tal como dis, lenda, tradición e historia xúnguense. Tamén neste caso, xa que onde teoricamente estaba o seu Castelo hai unhas ruínas, pero ningún fundamento para pensar que son tales restos. Como tantas veces en Galicia, unhas ruínas sempre son o berce de algún ser mítico ou acontecemento misterioso.
Pero as lendas algo de realidade si teñen …
Sempre hai un punto de partida de algo que impactou á xente. Se cadra unha construción espectacular coma una ponte romana que non eramos capaces de facer aquí, atribuíaselle ao demo ou aos mouros, ao igual que cando nos castros se abandonaron esas construcións quedando en ruínas uns espectaculares poboados que se dicían que non podían estar feitos por un ser humano. E a partir de aí se vai creando toda unha literatura de tradición oral.
Unha literatura que se comparte oralmente ata que alguén, coma no seu caso, a recolle. Que nos aporta a tradición oral?
Foi fundamental para entender a historia. Se non fora pola tradición oral, moitos dos feitos históricos que hoxe coñecemos teríanse perdido. Imaxínate, tanto a “Odisea” ou a “Ilíada” non deixan de ser uns poemas épicos de tradición oral ata que Homero os recolleu por escrito. Posiblemente foron moitos poemas diferentes transmitidos de boca a orella ata que os xuntaron e grazas a eles hoxe coñecemos Troia e podemos visitar as súas ruínas. E na nosa terra temos unha enorme riqueza que bebe da tradición oral, non só lendas, tamén refráns, cantigas, poemas, coplas …
Sería posible unha humanidade sen tradición oral?
Toda a tradición axuda a enriquecer unha cultura. E nós por sorte, repito, temos unha gran riqueza. Un patrimonio inmaterial de valor incalculable ao que non podemos darlle as costas.
Coa súa dona Benita e as súas fillas en Turquía.
Galicia en xeral, A Limia en concreto, somos de ter moitas lendas. A que cre que se debe?
Igual o carácter morriñento, a longa invernía, o frío, arrimarse ao lume na lareira … algo tería que influír. En algo había que matar os días grises e escuros. E esta é unha bonita forma de facelo. Cando relatas cousas máxicas fai que todo o entorno tamén se volva agradable. Igual por iso tamén somos dados a contar contos.
Tamén é un territorio cheo de recunchos con espazos senlleiros: covas, ruínas, pedras impoñentes, minas … que axudan a que o maxín voe. E sumarlle que ao longo da historia, por Galicia pasaron moitas culturas que foron deixando a súa pegada e os seus propios seres míticos.
Hoxe en día, con tanta rede social, cree que será máis difícil crer en lendas.
Penso que non, cecáis haberá outro xeito de contalas, pero sempre hai ocasión para facelo. Igual que fomos capaces de ir “refacendo” o Entroido, de recupéralo, sumar máis xente e adaptalo, pódese facer o mesmo coas lendas. É unha riqueza que non se pode perder, e de aí que sexa importante deixalas por escrito para que a xente se de conta da riqueza cultural que temos nelas.
Entendo entón que seguides a traballar en novos proxectos …
Dende o Centro de Cultura Popular do Limia estamos rematando o número 15 da revista Lethes para presentala en breve. Ademais, coa colaboración do Museo da Limia asinamos un convenio coa Deputación co que se compromete a imprimir a revista Lethes e outra publicación cada ano … así que aí andamos a argallar con outros autores para recoller artigos. E coas lendas, seguramente saia algunha máis na que xa se está a traballar.
Se lle fago escoller persoalmente unha lenda que lle guste.
Home… a da Raíña Loba, por todo o que che comentaba. Pero por dicir outra … tamén me gusta moito cando me contan as lendas ao redor da Torre da Pena, os túneles por debaixo da Lagoa que chegaban ata Trandeiras ou á Torre das Pegas …
Son as lendas máis fermosas que a historia real?
Os feitos históricos son reais a por veces crus, nas lendas adúbanse para facelos atractivos emocionalmente. Como exemplo direiche que no libro recollo dúas versión da lenda, un irmán que a conta dun xeito máis realista e outro dunha maneira máis mitificada. De neno, a min gustábame moito máis cando me falaban de cousas máxicas, que me facían soñar e voar a imaxinación. Ata me amolaba se me facían por os pés na terra.
Coa venia
1. Un libro na cabeceira da súa cama.
- “A Raíña Loba” (risas).
2. Un escritor/a.
- Carlos Casares.
3. Unha banda sonora que soe na súa casa.
- Milladoiro (son un nostálxico apegado á terra).
4. Un recordo da súa nenez.
- Os xogos na escola de Laroá.
5. Unha viaxe pendente.
- Moitas… por dicir unha, Exipto.
6. Un lugar para perderse.
- Calquera da Limia.
7. Cando se mira ao espello, ve …
- A un neno con aspecto de vello.
8. Un defecto.
- Se cadra son excesivamente perfeccionista.
9. Unha virtude.
- A tolerancia.
10. Unha manía.
- A orde.
11. Daría con urxencia un premio a...
- Ao xenetista Ángel Carracedo.
12. Brindaría por...
- Porque todo o mundo se levase mellor, sen andar con tantas leas.
13. Perde a calma con …
- Non son de perder a calma …
14. Un soño.
- Escribir algo de máis enxundia, unha novela por exemplo.
Contenido patrocinado
También te puede interesar
Lo último
PROPUESTAS INTERNACIONALES
Allariz selecciona los mejores jardines para su edición más libre
SEGUNDA FEDERACIÓN
La UD Ourense quiere acabar el año con victoria
La Región
Tiranías