Dentro do plan de arranxos de pistas municipais, o Concello de Xinzo acaba de rematar a Pista dos Covos que, segundo apuntaron dende o Consistorio “levaba anos” sen someterse a tarefas de mantemento e se atopaba en moi malas condicións polo paso de camións de grande tonelaxe -unha media entre 50 e 60 vehículos por día-. Neste senso, fochancas, cortes e importantes fisuras na capa de aglomerado dificultaban a circulación pola vía. Ademais, as beiras atopábanse cheas de maleza. Os problemas de afundimento no firme polo constante tráfico de vehículos pesados ocasionou fochancas centrais e desconchados nos laterais que non permitían a evacuación das augas cara as cunetas, tal e como precisaron dende o departamento de Obras.
A actuación non precisou dun proxecto técnico por tratarse dunha reparación e limpeza de sinxeleza técnica, tal e como indica o PXOM de Xinzo de Limia e o Regulamento da Lei do Solo. O executivo local decidiu acometer as obras de maneira urxente para evitar que despois do verán, coa chegada do mal tempo, os problemas no firme se agravasen. Investíronse 31.839 euros.