Unha asemblea rexeita o plan eólico de Covas, en Os Blancos

undefined
photo_camera José Manuel Castro, segundo pola esquerda, xunto aos veciños.
Este domingo 11 está prevista unha concentración veciñal en Xinzo contra a expansión eólica

Nunha asemblea aberta aos veciños e veciñas de Covas (Os Blancos) convocada polo propio rexedor, José Manuel Castro, amosouse o rexeitamento colectivo ao proxecto eólico Lamas II, previsto para este núcleo rural por parte da empresa Greenalia. 

Os asistentes debatiron sobre o impacto que tería o polígono eólico, que estaría integrado por aeroxeneradores de cerca de 180 metros de altitude, e non ocultaron a súa preocupación pola afectación que estas estructuras terían sobre as explotacións gandeiras e o propio día a día dos veciños e veciñas da zona. 

Na xuntanza decidiuse facer unha votación na que, salvo o rexedor e o presidente da Comunidade de Montes -que se abstiveron-, o resultado foi o rexeitamento ao proxecto, do mesmo xeito que aconteceu en Feás ou Lobás. Neste senso, os participantes pediron elevar a cuestión ao pleno e o alcalde de Os Blancos, que avanzou a súa posición de apoio á maioría veciñal, comprometeuse a realizar a consulta ao resto das aldeas afectadas e a trasladar o tema a unha sesión plenaria. 

Stop eólicos está recollendo alegacións contra este proxecto. O prazo de rexistro das mesmas rematará o día 2 de xaneiro.

 

Stop eólicos establece varios puntos de recollida de alegacións

A plataforma Stop Eólicos Xurés Celanova dispón de puntos de recollida de alegacións contra macroproxectos, como o previsto para Os Blancos, en Xinzo, Baltar, Calvos de Randín, Vilar de Santos, Allariz e Celanova. Ademais, instala periodicamente mesas de recollida. As seguintes estarán ubicadas en Celanova -este xoves na praza Maior, durante a celebración do mercado matinal- e en Xinzo de Limia, este domingo. 

Precisamente, o vindeiro día 11, a vila limiá será a sede en Ourense da concentración promovida pola coordinadora “Así non” en toda Galicia contra o que considera “unha invasión eólica”. Na Comarca da limia nestes momentos están en exposición pública o complexo Mistral- Tramontana, na serra do Larouco, e o complexo Lamas de Feás-Lamas II, entre A Aguioncha e Pena Loba.

Haberá un total de 18 concentracións veciñais como a de Xinzo, con motivo do Día das Montañas.

Te puede interesar