A LIMIA

O Entroido limiao "quitará a máscara ao machismo"

A comisión promoverá unha campaña contra a violencia de xénero nesta festa

A comisión do Entroido de Xinzo, xunto a membros da corporación municipal, presentou este xoves o programa definitivo das actividades que se levarán a cabo a partir da vindeira semana. O ciclo festivo, este ano baixo o selo de internacional, arrancará na vila o día 9 de febreiro, co Petardazo, e se prolongará ata o 9 de marzo, coa Piñata. 

Unha das novidades desta edición foi a presentación da campaña "Quítalle a máscara ao machismo" a prol de loitar contra a violencia de xénero. Neste senso, instalaranse varios puntos violetas nos que voluntarios e establecementos colaboradores socorrerán calquera incidente que se presente. O eslogan poderase ler en publicacións en papel e en dixital e, ademais, a comisión repartirá pulseiras gratuitas na praza Maior durante o domingo de Corredoiro. 

O orzamento adicado a esta festividade por parte do Concello de Xinzo partirá dos 100.000 euros, aínda que este ano as axudas externas trala declaración da festa como de Interese Turístico Internacional superarán, en total, os 35.000 euros - contando coa Xunta, Deputación, Abanca e Política Social, entroutras-.

Dende a agrupación organizadora explicaron que eses fondos dedicaranse a melloras estruturais, como carpas transparentes, ou á publicación dunha aplicación móbil na que os visitantes poderán atopar, entre outras cuestións informativas, a historia da Pantalla, a oferta festiva ou mesmo a ubicación das charangas en tempo real. Por outra banda, estanse realizando insercións publicitarias en medios de comunicación de tirada nacional e internacional. 

En previsión dunha maior afluencia de xente, o edil de Cultura, Carlos Gómez, censurou posibles conductas coma o botellón e adiantou que o Consistorio solicitou á Subdelegación do Goberno máis efectivos a prol dunha maior seguridade durante o ciclo. Tamén se duplicarán os medios de limpeza e se cederán os dereitos de imaxe a asociación Limisi para que poidan elaborar "merchandising".


Programación dos festexos


A programación arrancará co "Petardazo" o día 9 de febreiro para dar paso o domigo, ás 17,00 horas, ao "Fareleiro".

O 16 de febreiro celebrarase o "Colgamento do meco" cos concertos de Tiruleque e Pelepau.

O "Oleiro", que terá lugar o 17 de febreiro, contará coas actuacións de Melidaos, Tanto nos ten e de Abobriga.

Trala noite e domingo de "Corredoiro", o 23 e 24 de febreiro, respectivamente, chegará o venres de Entroido, 1 de marzo, data na que se celebrará o Gran Desfile Infantil con cativos de toda a comarca.

Para os días 2, 3, 4 e 5 de marzo hai reservado un completo programa de actuacións de charangas como Achicoria, Bongo Band, "BCB" ou Nova. Tamén actuará a Orquesta Pontevedra, a Compostela e Banda de Gaitas e Agrupación Musical da Limia. Tralo mércores de cinsa, o punto e final será o día 9 de marzo coa Piñata.

Te puede interesar