Bágoas e un ácedo sermón acompañaron o enterro, que serve para comezar a despedir un Entroido que rematará co domingo de Piñata
Xinzo cumpriu coa queima da Sardiña. O comezo do fin do Entroido na capital da Limia chegou entre bágoas, cánticos e a lectura dun sermón que non deixou indiferente a ninguén.
Ás 20.00 horas partiu o desfile da sardiña acompañado polas viúvas e a música da charanga XL, que non deixou de animar o ambiente durante toda a tarde.
Ao redor das 20,30 horas, na Praza Maior, procedeuse á lectura do sermón no que houbo recordos para moitos políticos e personaxes de actualidade. Deste xeito, non se librou da sorna da pregoeira nin o presidente dos Estados Unidos, Donald Trump, nin o mesmísimo alcalde de Xinzo, Antonio Pérez.
Os asistentes que ateigaban a Praza Maior berraronlle á sardiña que "levase con ela as desgrazas" pero que "non se esquecese de voltar a Xinzo de Limia o vindeiro ano".
O acto rematou coa queima da sardiña e o recordo cariñoso para todos os que non puideron estar este ano presentes na festa.
Os limiáns aínda teñen unha última cita co Entroido. Será o vindeiro día 5 de marzo, no domingo de Piñata. Haberá xogos populares, música de charanga dende as 12.00 do mediodía e orquesta pola noite.