A LIMIA

Os pasos de peóns de Xinzo incumpren a normativa viaria, segundo os socialistas

Denunciaron a existencia dunha trintena de sinais que presentan eivas como falta de visibilidade ou ausencia de sinalización

O PSOE limiao vén de denunciar, logo de ter constancia dun informe policial ao respecto, a existencia dunha trintena de pasos de peóns que incumpren a normativa que regula esta sinalización. O documento, firmado polo inspector xefe dos axentes locais, segundo os socialistas, pon de manifesto que as sinais presentan eivas como falta de visibilidade, ausencia de sinalización vertical, mal estado das pinturas ou problemas de iluminación. Por este motivo, dende o grupo da oposición solicitan ao goberno do PP "as actuacións correctoras inmediatas nos puntos relacionados no documento e un plan de seguridade viaria". 

Elvira Lama, voceira socialista e deputada provincial, apuntou que as conclusións do xefe da policía local "veñen a confirmar o lamentable estado no que se atopan estas importantes infraestruturas, logo das reiteradas denuncias feitas polos socialistas por culpa da pasividade do alcalde e de todo o seu goberno". Na mesma liña, a socialista acusou ao Partido Popular de bloquear "deliberadamente" unha moción presentada polo seu grupo "ante as queixas da veciñanza sobre a falta de iluminación e de sinalización adecuada, tanto vertical, como horizontal" e coa excusa de que "ya estaban en ello". 

"Co informe sobre a mesa e tal como demandábamos na nosa proposta, os veciños poden constatar que en 29 puntos de Xinzo de Limia, onde existen pasos de peóns, hai incontables problemas", tal e como advertiu a voceira socialista. "O grupo do PP, reiterando a súa habitual terquedade, non foi quen de recoñecer a incompetencia e neglixencia na que están instalados", engade.

Te puede interesar