As perdas de cereais en Xinzo poderían chegar a ser dun 30%

Inundacións nun dos campos da Limia a finais de marzo.
photo_camera Inundacións nun dos campos da Limia a finais de marzo.
Con respecto á pataca, Víctor Cabido explica que na Limia aínda están a tempo para sementar o tubérculo

O sector do cereal prevé un descenso do 30% na súa produción iste ano na Limia. Víctor Cabido, agricultor en A Limia, recoñece que van bastante tarde para plantar as sementes pero que non se puido facer antes polas continuas choivas que houbo durante estos meses: “Hai que ver como vén o verán, si vén un verán un pouco fresco, mellor, porque si é igual de cálido que estos anos pasados, vai estar mal”, explica Víctor Cabido.

Con respecto a pataca, Víctor Cabido explica que na Limia aínda están a tempo para sementar o tubérculo. “Estamos comezando a preparar as terras pero imos pouquiño a pouco”. O sector da pataca da Limia prevé un descenso de en torno ao 20% na súa produción deste ano, debido á escaseza e encarecemento da semente para producila. 

“Eu agora estou coa plantación de cebolas, pero estamos preocupados polos custes de produción, que subiron este ano aínda máis con respecto ao ano pasado”. Os prezos das sementes, segundo cóntanos Víctor Cabido, son “desorbitados” e aínda por riba non hai case oferta nin variedade.

O agricultor da Limia terá que apostar agora polo cereal de primavera, que conta con varios problemas: menos produtivo e, se se alcanzan altas temperaturas como o ano pasado, a produción de cereal pode chegar a caer en 800-900 quilos por hectárea.

As perdas previstas pola excepcionalidade climática deste ano son elevadas e de gran importancia para unha zona que, alén da pataca, ten no cultivo de cereal un pilar fundamental para a súa actividade agraria; con máis de 10.300 hectáreas dedicadas á plantación de cereais cuns rendementos que, nun ano normal, oscilarían entre os 3.500 e 4.000 quilos de produción por hectárea.

Te puede interesar