O premio quedouse na casa: a Banda de Xinzo triunfa no XIV Certame Celtibérico

Actuación da Banda de Gaitas Cidade de Antioquía. XESÚS FARIÑAS
photo_camera Actuación da Banda de Gaitas Cidade de Antioquía. XESÚS FARIÑAS
A agrupación de gaiteiros local consegue dominar en tres das catro categorías da competición

O izado das bandeiras inauguraba o XIV Certame Celtibérico de Bandas na Praza Carlos Casares de Xinzo de Limia, no que participaron un total de 750 músicos, formando parte de 26 bandas, ás que se sumaron grupos de cantareiras, cuartetos e participantes individuais. 

A Banda de Gaitas de Xinzo gañou en dúas das categorías e a agrupación Cidade de Antioquía (tamén de Xinzo) quedou de segunda na súa categoría. Desta maneira, as bandas de Xinzo dominaron en tres das catro categorías que había no certame.

No primeiro grao proclamáronse gañadores en primeiro, segundo e terceiro posto, respectivamente, as bandas de Xinzo de Limia, Castro Bergidum (Ponferrada) e Nova Fronteira (Barbadás). En segundo grao o primeiro posto foi para a banda de SaoTiago de Cardielos (Portugal), Cidade de Antioquía de Xinzo de Limia e Agarimo de Catabois de Ferrol. Os gañadores de terceiro grao foron Lembranza Solpor de Celanova, La Tarabica-Casa de Asturias de Guadarrama e a Ínsua de Caldelas de Tui. Por último, en cuarto grao os premiados foron a Banda de Xinzo de Limia, Toxo Queimado (Lugo) e o grupo do Concello de Riós.

“Queda un listón moi alto por parte da organización e pola calidade dos intérpretes. Recibimos moitas e cariñosas felicitacións e aínda agora están soando gaitas e tambores celebrando que tres bandas de Xinzo se alzaron campeonas”, apuntou a alcaldesa, Elvira Lama.

O ambiente festivo foi constante nas rúas da vila e quedan no recordo grandes momentos para os veciños, visitantes e para o preto dun milleiro de participantes. En total, case unha trintena de bandas tiveron en Xinzo de Limia un escenario para mostrar o seu talento.

Todas as previsións víronse superadas en Xinzo de Limia, onde o Certame Celtibérico de Bandas converteu o concello na capital da gaita e milleiros de persoas foron testemuñas do seu éxito. A ocupación rozou o 100% nos hoteis de toda a comarca e a súa celebración durante toda a fin de semana deu tamén empuxe aos locais hostaleiros. 

Desde a Praza Maior ata a Praza Carlos Casares desfilaron as bandas de primeiro grao, concentrándose alí todos os participantes para coñecer as puntuacións e recoller os diplomas e premios. 

Tras o pregón de José Ángel Hevia procedíase ao arriado de bandeiras ao mesmo tempo que interviñan as autoridades presentes, para dar paso finalmente e tódalas bandas participantes interpretando Himno do antigo reino de Galicia, dando por concluido o XIV Certame Celtibérico de Bandas, que se celebrou en Xinzo de Limia. 

Óscar Ibáñez, Arturo Lamas ou José Ángel Hevia foron algúns dos recoñecidos gaiteiros que se deron cita en Xinzo de Limia esta fin de semana. Hevia encargouse de dar o pregón e asegurou que “Xinzo e a gaita son obxectos da miña devoción e na vida hai devocións cuxo culto non convén demorar”.
Fernando Dopico, director da Escola Municipal de Gaitas e Percusión de Xinzo de Limia destacou a gran participación rexistrada neste Certame e a calidade demostrada polas bandas en todas as categorías. “Tamén quero felicitar aos seus integrantes pola súa elegancia e puntualidade”, engadiu.

Ademais, na xornada do sábado músicos procedentes dunha decena de provincias de toda España e tamén de Portugal competiron na primeira edición do Concurso de Gaitas&Percusión da Limia, un evento que contou con gran éxito e que terá continuidade, segundo aseguran no Concello.

Te puede interesar