Castañeda gaña o Festival Internacional de Xardíns de Allariz

“Xardín Informal”, gañador do Festival Internacional de Xardíns.
photo_camera “Xardín Informal”, gañador do Festival Internacional de Xardíns.

O Festival Internacional de Xardíns de Allariz pechou, o 30 de outubro, a súa décimo terceira edición, “A Volta ao Mundo en Once Xardíns”, aberta dende maio.

Neste tempo, máis de 35.000 persoas visitaron os xardíns efémeros. As cifras mostran, segundo sinalaba o tenente de alcalde, Bernardo Varela, “a consolidación do Festival co paso dos anos, establecendo a visita ao Festival como evento anual para moitas persoas que se achegan a visitar o recinto e Allariz ”. O evento alaricano, único no Estado, converteuse, ao longo destes 13 anos, nun referente paisaxístico. Asociacións e empresas do sector axudan ao incremento da presenza do Festival de Xardíns de Allariz no eido empresarial. 

Unha vez pechada esta edición, procedeuse ao reconto dos votos dos visitantes, que ao acudir ao recinto teñen a opción de elixir o xardín que máis lles gusta. “Xardín Informal”, do colombiano Julián Castañeda, obtivo o 19,10% dos votos, polo que se converte no gañador do Festival Internacional de Xardíns de Allariz 2023 e permanecerá un ano máis no recinto do Festival.

Este xardín é un eloxio a todas estas persoas que medraron e saíron adiante desde a informalidade. Un xardín que suscita a materialidade dos asentamentos informais, onde a creatividade e o vernáculo se xuntan para dar vida á vivenda de millóns de persoas en toda Latinoamérica. A partir de grandes materas verticais representa esta xeometría e arquitectura de montaña que tanto caracteriza as grandes metrópoles desta rexión.

O segundo lugar foi para o xardín polaco “Plants of the world”, de Katarzyna Wojdziak, que cun 18,81% dos votos acadou esta posición.

Te puede interesar