CONCELLO

O grupo socialista denuncia falta de transparencia no Concello de Maceda

o grupo da oposición fala dunha xestión "catastrófica" con orzamentos que levan oito anos prorrogados 

O grupo municipal socialista do Concello de Maceda califica a a xestión que está a levar a cabo o Partido Popular de "catastrófica" e denuncia a "falta de trasparencia" do goberno local. Esgrimen o feito de que o Concello "leva oito anos cos orzamentos prorrogados, funcionando a base de modificacións e recoñecementos extraxudiciais de créditos". Engaden que o alcalde, Rubén Quintas "non convoca un pleno dende hai catro meses" e agora "vese na obriga de facelo para levar a primeira das modificacións deste ano coa cantidade de 220.328 euros e un recoñecemento extraxudicial de 251.455 euros, o que supón, en conxunto, un cuarto do orzamento de Maceda". 

No que atinxe aos impostos, os socialistas de Maceda sinalan  que dende a administración local "rexeitaron a iniciativa do grupo da oposición de baixar o IBI". Neste sentido o grupo recordou  o feito de ter recollido "centos de sinaturas a prol desta baixada". Por outra banda, denuncian a "desproporcionada suba da taxa da escola infantil" que pasará de costar 50 euros ao mes, ao dobre, 100 euros.

O grupo socialista insta ao goberno local, a que aposte polo emprendemento e polo apoio aos pequenos e medianos negocios. Denuncian a "falta absoluta de proxectos novidosos para favorecer que a xente teña postos de traballo". Exemplo desto último é a inexistencia dun "espazo para microempresas e a falta de incentivos". 

Te puede interesar